ao sur

Os camiños do mar

Marcelino Agís Villaverde

Marcelino Agís Villaverde

A ACADEMIA XACOBEA volveu un ano máis a Ribadeo co gallo de organizar as XVIII Xornadas Mar por Medio, que puxo en marcha no ano 1992 o profesor e hispanista británico John Rutherford, primeiro responsable da cátedra de galego no Queens College, da Universidade de Oxford. 

Nas súas palabras inaugurais, o profesor Rutherford contou que inicialmente as xornadas serviron para traer a Ribadeo a especialistas do Reino Unido en lingua e cultura galega. O apoio institucional que recibiu esta iniciativa ao longo dos anos, primeiro do Concello de Ribadeo e despois da Xunta de Galicia, O Xacobeo, a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, permitiu darlle continuidade por riba dos cambios políticos. 

Deste xeito, ao longo destas tres décadas pasaron por Ribadeo profesores e expertos de áreas moi diversas que se achegaron a esta fermosa vila da mariña lucense a reflexionar sobre o papel da cultura na articulación de problemas comúns en Europa e no mundo. 

Desde o pasado ano 2022, as xornadas teñen como tema central distintos temas relacionados co Camiño de Santiago, razón pola que as institucións colaboradoras tomaron por unanimidade o acordo de que fora a Academia Xacobea quen se ocupase da súa organización. 

As Xornadas deste ano, que clausurou onte o conselleiro de Cultura Román Rodríguez, versaron sobre o tema O Camiño: cultura e tradición, e reuniron a expertos de primeiro nivel nos eidos da literatura, a historia medieval, o xornalismo, a xeografía, a arte ou as ciencias da saúde.  

Sería moi inxusto que salientara unhas conferencias sobre outras, mais permítanme que mencione unicamente a conferencia inaugural de Víctor Freixanes sobre o Camiño de Santiago e a cultura europea; e a conferencia de clausura do profesor Rutherford sobre a figura do profeta Daniel que dá a benvida ao peregrino cun sorriso no Pórtico da Gloria da catedral compostelá. 

A historia, tamén a historia do Camiño, escríbese coas pegadas de cada peregrino, máis tamén coas achegas dunha manchea de expertos que nos axudan a coñecer mellor de onde vimos para saber cara a onde debemos camiñar. 

TEMAS