{ NEGRO SOBRE BRANCO }

A Universidade en problemas

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

A UNIVERSIDADE ten problemas neste momento de difícil ocultación. Hai unha serie de diagnósticos sobre os problemas fixándose nomeadamente na financiación. Nos temos interese en pór de relevo a evolución do gasto. Probabelmente a de maior responsabilidade na política universitaria sexa á de Santiago: os seus asuntos xa acadaron eco na sociedade, traspasan os robustos muros do Colexio de Fonseca. Deberíamos comezar polo pecado orixinal? É certo que dun pecado orixinal se derivan como ramas espesas outros? Ou en principio non debería ser condicionante da evolución?

Dunha ou doutra forma mal empezamos cando –iso si, por unanimidade dos grupos parlamentarios, 1989– se toma a decisión de dividir a USC en tres Universidades dando satisfacción ás peticións localistas paifocas de Santiago, A Coruña e Vigo. Por parte destas dúas últimas, non se trataba só de ter estudos universitarios, senón do equipo completo: reitorado, programas propios, financiación propia, estudos propios, edificios propios, e estudantes propios, dos de ao pé da casa. A unanimidade parlamentar non esvae o feito de poder cualificar a decisión como errónea porque foi primada a irracionalidade do uso dos fondos públicos para intereses privativos, no canto dos adicar en beneficio do país e do rol que a Universidade debería cumprir na sociedade.

Tampouco pode ocultar a responsabilidade continúa dos gobernos que permitiron, consentido, a profundización na irracionalidade do gasto. Campus especializados, estudos en varios campus, investigación conxunta, uso racional de fondos e sinerxías na investigación terían sido posíbel cunha única Universidade espallada polos sete campus que hoxe existen, iso si, cun criterio único de lograr a excelencia académica: docente, investigadora e de transferencia social do novo coñecemento. O que non era posíbel cunha soa Universidade era ter tres reitores, tres reitorados, tres equipas reitorais e tres posibilidades de intervención social en sete campus ás veces multiplicado por sete, nove ou a cifra que atopemos máis ilóxica, de uso dos fondos. É fisicamente imposíbel (é dicer é igual que o efecto da lei da gravidade aquí na Terra) lograr que nun país de 2,7 millóns de habitantes e co orzamento adicado ao ensino superior manter Faculdades de ADE e Economía (con dous títulos distintos) en Santiago ( 2), A Coruña( 2), Vigo (3), Ourense (1), Lugo ( 1), sen sufrir en absoluto ningún tipo de sarabullo.

E pola contra manter a cabeza fría para impedir duplicar, títulos e centros de Mediciña, Farmacia, Inxenería Aeronáutica, Arquitectura, Veterinaria, Belas Artes, ... é dicer o respecto transcendente que recoñece a imposibilidade de formar titulados desas características –neste país– en máis dun centro, bótase totalmente a perder cando se pensa que avogados, economistas, filólogos, historiadores, mestres/pedagogos, pódense fabricar en serie e de calquera maneira en calquera edificio.

Porque a cuestión dos edificios é outra marca de país. Grazas á actuación “coordinada” desa característica da nosa idiosincrasia, o primeiro que hai que facer cando dun servizo público se trata, é un edificio. Aí reside de forma cuase-máxica a chave do éxito. Inaugurado o talismán en forma de edificio, o asunto xa empeza a funcionar, só. De modo e maneira que neste momento só as pexas que significan as goteiras dos miles de metros cadrados de tellados de edificios nobres de Santiago-Lugo son un primeiro problema. E a docencia? E a investigación? E a transferencia social?