TRIBUNA

O potencial de Galicia no sector das tecnoloxías lingüísticas

Santiago Lago Peñas

Santiago Lago Peñas

TEÑO PARA MIN que os galegos somos bos ou moi bos nalgunhas cousas. Mais entre elas non está nin entender ben as vantaxes da cooperación e de agregar capacidades, nin tirar todo o partido posible dos recursos propios. Hoxe voume referir ao segundo. E non vou falar da enerxía, da auga, dos alimentos de calidade ou da paisaxe. Vou falar da lingua. 

Como economista, como persoa pragmática, abráiame que Galicia non sexa territorio de referencia no eixo lingüístico portugués-castelán. O lóxico sería que os nosos estudantes rematasen os seus estudos de secundaria cun título de portugués B2 ou C1; que calquera empresa que quixese aproveitar esas capacidades lingüísticas combinadas tivese a Galicia como referencia primeira. De sermos quen de dar o pulo definitivo ao ensino con lectores de fala inglesa, poderiamos facer que os nosos mozos manexasen e acreditasen coñecemento avanzado de tres das catro linguas máis importantes do Mundo. O galego é a nosa lingua; o portugués é un agasallo que vén con ela case de balde. Certo que sobre estas cuestións xa foi aprobada unha iniciativa lexislativa popular no Parlamento de Galicia, aínda que non semella que as cousas teñan mudado moito ata o de agora.

Mais as potencialidades do galego non rematan no anterior. Esta semana os profesores Senén Barro e Luis Otero presentaron un documento colectivo do Foro Económico de Galicia no que apuntan cara un novo vector. Nunha sociedade interconectada, as tecnoloxías lingüísticas, xunto coa Intelixencia Artificial (IA), xogan un papel crucial. Estas ferramentas, como recoñecemento e síntese de voz, clasificación de texto e corrección gramatical, permiten aos ordenadores comprender e xerar linguaxe natural. O impacto destas tecnoloxías é evidente en ámbitos como formación e saúde personalizadas, soporte técnico, análise de información e automatización de procesos. Todo apunta a que se vai producir un crecemento exponencial nesta década e os beneficios para as empresas, que inclúen a redución de custos e a mellora da produtividade. A cota de mercado esperada para Europa é do 20%, con España ocupando o quinto posto. Galicia supera a media nacional no empre go da IA para a análise da linguaxe escrita e falada. 

Neste contexto, a lingua galega é considerada un activo estratéxico que favorece solucións específicas e promove a diversidade e inclusión na era dixital. O proxecto NOS busca potenciar o galego nos recursos tecnolóxicos coa creación de diversos recursos lingüísticos de alta calidade. A pesar do potencial, o galego precisa dun maior impulso para situarse como lingua convencional nos recursos tecnolóxicos comúns. O proxecto NOS, con oito liñas de traballo, aborda desde a síntese de voz ata ó recoñecemento da fala e a tradución automática.

Os autores subliñan que o sector das tecnoloxías lingüísticas en Galicia ten un potencial extraordinario, impulsado polo idioma propio. No entanto, é esencial concretar este potencial mediante a formación de talento especializado, colaboración coa industria local, proxectos transversais e investimentos financeiros, así como garantir acceso a recursos lingüísticos desde a Administración.

As oportunidades hai que aproveitalas.