CIFRAS E LETRAS

Un día normal

Senén Barro Ameneiro

Senén Barro Ameneiro

ESTE PODERÍA SER calquera día da semana que vén para vostede ou para min. Espértase pola vibración do seu reloxo de pulseira. Un deses reloxos que se din intelixentes, e que teñen unha infinidade de opcións, entre elas analizar a calidade do seu soño, ou facerlle un electrocardiograma en toda regra. O reloxo tamén lle advirte de que onte apenas camiñou, así que proponse facelo hoxe, e ata recuperar os pasos perdidos. Acabará non facéndoo, pero non está mal que salga da cama con bos propósitos.

Mentres almorza le a prensa na súa tableta, e recibe multitude de anuncios personalizados. Estivo a ver que comprarlle á súa parella para San Valentín, e non deixan de saírlle ofertas de artigos polos que se interesou días atrás.

Antes de saír de casa dedica un tempo para repasar os correos electrónicos, organizados segundo as súas preferencias. Nalgúns casos son advertencias sobre correos cuxo remitente é descoñecido para vostede. Hai algúns correos urxentes, e decide contestalos usando as suxestións de respostas que lle ofrece o seu xestor de correos.

Hoxe ten que visitar a un cliente. Levará o seu coche. Antes de saír planifica a ruta. Terá que facer algún rodeo, pero chegará antes ao evitar as obras que se están realizando nun tramo da autovía, segundo lle indica o navegador. O coche é novo. Está cheo de sensores e asistentes á condución. Non probou aínda a condución autónoma, pero xa lle sacou dun apuro ao frear pola súa conta cando, días atrás, cruzóuselle un can á carreira. Ao can sacouno dun apuro aínda maior.

De camiño vai facendo algunhas chamadas co asistente de voz. Anota, tamén por voz, algunhas citas na súa axenda e, entre medias, vai seleccionando algunhas arias que o relaxan especialmente cando conduce.

Chegou bastante antes de tempo, así que decide tomarse un café. Mentres llo poñen consulta unha aplicación financeira que lle suxire como investir o diñeiro dunha imposición a prazo que vence nun mes. A aplicación identificouno por recoñecemento facial, aínda que non lle dará nin un céntimo pola cara. Despois de consultar algúns movementos na súa conta, decide chamar ao banco e aténdelle un chatbot con voz cálida e extraordinaria amabilidade. Póñenlle o café, e abandona a conversación coa máquina, non sen antes desculparse con ela, por certo.

Mentres vai tomando pequenos sorbos de café, le prensa internacional. Os contidos polos que navega vanse traducindo en tempo real. Está a seguir un curso de inglés en liña, pero ler xornais en inglés aínda lle custa.

Faltan aínda algúns minutos para a hora da cita, así que decide consultar as súas redes sociais. Si, é consciente de que os algoritmos que deciden que contidos mostrarlle só queren que consuma máis e produza máis beneficios á compañía. O gratis normalmente sae caro.

Recibe unha mensaxe do seu cliente, que escoita a través dun sintetizador de voz. Non poderá acudir á cita. O sistema que leva implantado para o control do Parkinson que padece detectou certas anomalías no electroencefalograma e deberá ir ao hospital para facerse un recoñecemento. Proponlle facer unha videoconferencia de camiño, e así o fan. Antes envíalle un longo documento de traballo. Non ten tempo de lelo, así que pídelle a ChatGPT que lle faga un resumo, en particular das propostas de investimento. Non máis dunha páxina, dille. Le o resumo e asente satisfeito.

Sobe o documento e o resumo á nube, a unha plataforma de traballo colaborativo, e pídelle aos seus colaboradores que fagan as súas suxestións sobre o mesmo. ChatGPT recompón todo e faille unha proposta de texto para responderlle ao seu cliente.

De camiño á oficina recibe unha mensaxe do seu banco que lle informa de que bloquearon a súa tarxeta de crédito despois de detectar varias compras atípicas, que non responden ao seu perfil de cliente. Reactiva a tarxeta, dando conformidade ás compras. Estivo de viaxe e aínda que agora arrepíntese dalgúns gastos, si os fixo. Ás veces un vense arriba e tira a casa pola xanela.

Consulta a predición meteorolóxica. Haberá refachos de vento moi intensos na cidade. Non sabe se pechou as xanelas –esas polas que de cando en vez tira a casa–. Conéctase ao servizo de videovixilancia do seu fogar. Todo está ben. Activa a aspiradora e a alarma.

Necesita contratar unha persoa como empregada de fogar. A empresa á que acudiu envioulle media ducia de currículos que poderían encaixar co perfil que busca. É unha preselección automatizada, pero todas parecen axeitadas. Xa logo as analizará en detalle.

Na súa empresa hai tempo que usan este tipo de ferramentas para o recrutamento de persoal. Desafortunadamente, tamén para recortar persoal. No departamento de contabilidade apenas queda xente, e eran máis de vinte hai poucos anos. O mesmo ocorre en comunicación e mercadotecnia ou en asesoramento legal. O departamento de vendas vai polo mesmo camiño. As solucións baseadas en intelixencia artificial predín como ninguén o comportamento do consumidor e do cliente e tamén as tendencias de vendas.

En fin, mellor saltámonos o resto do día, porque estamos desexando chegar á casa e que a única decisión a tomar sexa se bebemos viño ou cervexa, e xa que Netflix decida por nós. Boas noites.