Negro sobre branco

Choios da banca

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

Os dados dos beneficios da banca española no ano pasado son de escándalo. Escándalo, porque foron obtidos nunha época na que os restantes elementos da economía privada de todas as actividades produtivas aínda non se tiñan recuperado da crise da pandemia, sofreron os efeitos negativos da subida disparada de custos de produción e dos seus insumos, víronse baixo a ameaza de peches ou quebras por problemas graves cos seus clientes( e/ou cos provedores), pasaron por sofrer negativas continuas para poder ampliar as fontes de crédito, ou ben soportar xuros en aumento... ; é dicer, un panorama xeral moi problemático para ter que observar impasíbeis a exhibición de beneficios bancarios en aumento de xeito descomedido. Aquí contamos cun negocio dese segmento que entrou na corte bancaria (é dicer, é novo) unha vez bendito pola mao dos deuses do Olimpo do poder político, e logo, enseguida que colleu carreira, comezou a ter beneficios só comparábeis cos máis avezados do sector.

Hai tantos choios no negocio bancario en xeral, e en Galiza en particular, que sería un bon consello aos mozos emprendedores que emprendesen en banca. Isto é, crear banca ou unha entidade de crédito. Esta orientación, non obstante, ten o grande inconveniente de que non é accesíbel. Non é só por non posuír capital en forma de diñeiro. Fan falla tal cantidade de requisitos (entre outros non adquiríbeis como pertencer ao clube privado dos que poden exhibir liñaxe bancaria) que, aínda a pesar do negocio lucrativo seguro, non pode entrar calquera. Mesmo o devir da banca no Estado Español nos últimos 80 anos é unha historia máis semellante a unha traxedia grega, na que os fados do tráxico destino dos seus protagonistas responden a unhas regras de xogo complexas e até ensarilladas, que non se sabe se o que sucedeu é que os outros poderes económicos e políticos acaban cos banqueiros ou son os banqueiros os que se van eliminando entre eles. Só compre lembrar os banqueiros que acabaron na cadea (desde 1978 á hoxe) para se asomar a ese teatro escenario da traxedia que citabamos. Na Galiza a batalla perdida das caixas de aforro tamén acabou pola vía criminal con banqueiros na cadea, e facilitando a entrada, por unha disimulada porta, de novos banqueiros procedentes de Venezuela. Hoxe, de casualidade descubrín cal pode ser un “novo produto” bancario só ao alcance dos que gocen do privilexio. Para lograr a tarxeta chamada TMG que é unha doazón da Xunta de Galiza (dos orzamentos públicos) para que os vellos –chamados maiores de 65– viaxemos gratis por todo o país en autobuses de liña regular. Máis alá de acceder a unha páxina informativa moi mellorábel, agora é do noso interese destacar que esta tarxeta só se pode conseguir en Abanca: ten a exclusiva e goza do privilexio de acceder e se relacionar –en potencia– con 700.000 galegos, segundo informa a Xunta. A tarxeta é entregue logo de asinar dous documentos cos dados persoais: un de cliente e outro por acceder a unha tarxeta moedeiro (tamén consentín escanear o meu documento de identidade). Haberá que examinar mellor este produto.