Olladas ao país

Un sistema político galego

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

Analistas como o profesor Miguel Anxo Bastos (USC) ou o xornalista catalán Marçal Sintes teñen sinalado nos últimos tempos que Galicia (como Catalunya, Euskadi ou Nafarroa) é un sistema político de seu e non pode ser analisado baixo os parámetros predeterminados dende o gran Madrid e a “España española”, en xenial definición do profesor Bastos. Despois de máis de doce anos do 15-M e de case dez da revolución da nova política (2014-2015) no sistema político galego que abrolla destas eleccións nacionais do 18-F salientan un PPdeG (47,3% dos votos) presente en todos os recunchos do território e da sociedade civil e un BNG (31,57% dos votos) que sobrancea nos ámbitos urbanos e nas persoas de menos de 45 anos, mentres consolida boas posicións no ámbito de idade entre 46 e 65 e no proprio medio rural. O BNG acada un resultado superior aos acadados polo Sinn Fein das eleccións do Ulster (30%) ou da República de Irlanda. É só cede, na comparanza europea e a respecto doutras forzas soberanistas, co 46,4% dos nacionalistas escoceses do SNP no 2021 ou co 39,3% do PNV do 2020. Na Catalunya e na Córcega as forzas soberanistas obteñen por xunto máis escanos proporcionalmente ca na Galicia, mais dividen a súa representatividade en varias forzas. 

Mentres, o PSdeG sufriu as resultas da súa falla de proxecto de país e de mensaxe galega, asfixiado por un lote de ministros e ministras paracaídistas cando o certo é que o seu ben capacitado –malia que serodiamente presentado– candidato Gómez Besteiro tiña os seus mellores aliados ben a man, nos máis votados do partido nunhas eleccións nacionais galegas: González Laxe (1989) e Pérez Touriño (2005 e 2009), como Ana Pontón reivindicou a Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana. Elixiron, pola contra, mensaxe madrileña e trabucáronse. Hoxe o PSOE devece polo escano número dez en Ourense e non dá xuntado nin o 45% dos votos dos soberanistas, que semella ser quén a ocupar os espazos, diferentes mais complementários, do soberanismo, do galeguismo autonomista, da Galicia do cambio e da praxe socialdemócrata.

No sistema español de partidos Sumar e Vox son fulcrais e constitúen os aliados necesarios do PP e do PSOE no seu asalto ao Poder estatal. Mais neste 18-F levaron por xunto (incluídos no lote os disidentes de Podemos) un 4,2% (case un 25% sumados ambos os dous nas estatais do último xullo). As forzas estatais á dereita do PP e á esquerda do PSOE son absolutamente marxinais na Galicia. Que poden pensar arestora forzas achegadas a cadanseu país ou territorio como Compromís, Mès por Mallorca, Mès por Menorca ou a Xunta Aragonesista que, porén, partillan candidatura estatal cos de Yolanda Díaz?

Galicia demostrou ser unha nación de seu ao definir un sistema político de seu. Mais, no caso do BNG (bastante menos quizais no do PP), acrecentar os votos do 18-F vaille esixir afondar nesa transversalidade que chegou este 18-F a case todos os recunchos. Vaille esixir seguir a se situar, unha e outra vez (como adoita dicir Anxo Quintana) “no centro do seu electorado”.