Branco sobre negro

Un exército de 10.000 axentes

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

Houbo moitos analistas que durante a campaña eleitoral prestaron especial atención a estas eleicións pasadas. Houbo de todo: coñecedores do asunto, tamén do país e seriamente preocupados por se informaren, e tamén houbo outros que denominaremos estranxeiros simpatizantes, mesmo condescendentes, outros máis atrevidos ignorantes que cun estereotipo do ano da polca escreben burradas sen nengún tipo de reserva e coa obriga de informar con coñecemento de causa, e houbo, finalmente, insultos á intelixencia humana en forma de crónica de entendido. Desde a presidenta autonómica madrileña que quería pasear –como dona– por un lugar que non existe, en concreto unha bahía (??) con hórreos, bateas e bosques de eucaliptos, até en The Guardian un tal Stephen Burgen (desde Barcelona) que escrebeu que “Galicia... é unha das rexións mais pobres do país e unha das máis conservadoras... Naceu Franco, Manuel Fraga, Mariano Rajoy, así como Feijóo”; de tres notas descritivas errou cinco (faltaban Pablo Iglesias, fundador PSOE, e Castelao para mirar no dicionario de historia da II República); menos mal que somos moi pobres ou dos máis pobres, se chegásemos a alcanzar a media, ou ser ricos, anulabamos a España, a Cataluña e os que se poñan por diante, ingleses incluídos, como xa se fixo noutras épocas. Un outro panfleto que merece a pena citar é o doutro ousado que facendo exhibición de tópica ignorancia (cousa non permisíbel dada a súa responsabilidade de director adxunto dun xornal económico), argumenta, entre outras lindezas de descoñecemento, que o BNG non pode industrializar Galiza porque quere pechar Ence, unha das poucas industrias daquela terra (sic). Iso si, o artigo vai borrifado con moita anécdota do señor tal e do señor cal de tal lugar, para conseguir do leitor aleuto e do desaleuto avinza suficiente. Así, entre chistes, anécdotas e citas vai soltando a máis rancia imaxe do que Galiza é ou, segundo el, o que debería ser: sensata, dócil e do PP. 

Non obstante, das análises post-eleicións feitas por prensa galega como é El Correo Gallego, houbo unha que me pareceu digna de todo o merecemento do significado desa palabra referida ao exame da situación. Titulouse así: Un exército de 10.000 axentes, asinado por X.A. Taboada. Deume pé a razoar sobre o significado político e eleitoral da presenza en continuo dun voto fidel ao partido no goberno desde hai anos. Quen, non sendo o PP, dispón de semellanza dotación e traballo para facer non só campaña senón vida de vínculo permanente coas capacidades institucionais do partido citado, entre campaña e campaña? Quen dispón ou, mellor dito, está en condicións de dispoñer de semellante exército? Sen contar con fondos contantes e soantes: ninguén; e segunda pergunta: de onde proceden? Que poden oferecer como conexión permanente entre os representantes e os representados en época non eleitoral? Que substitúen? O funcionamento regular da administración pública e a súa accesibilidade aos administrados? Ou informan de como se realizan as xestións de búsqueda no bosque da axudas públicas para paliar o difícil acceso aos servizos públicos? Ou o servizo aos cidadáns non afeitos aos trámites precisan e atopan un guía de vida? Ou proporcionan aos fieis ao partido acceso en privilexio ao que son dereitos? A verdade, non teño máis que perguntas.