Opinión

Blas García

A política do barullo

Alberto Núñez Feijóo se dirige a Pedro Sánchez en una sesión de control del Congreso.

Alberto Núñez Feijóo se dirige a Pedro Sánchez en una sesión de control del Congreso. / José Luis Roca

Recoñezo que nos últimos tempos me resulta moi difícil asistir de forma diaria aos enfrontamentos, ataques, faltas de respecto e desprestixio continuo que se están a realizar da política e na política; e a moitos e moitas que coma min teñen temporalmente unha responsabilidade política de contacto diario coa veciñanza xéranos rexeitamento e vergoña esa forma de actuar. Confeso que nas últimas semanas fun incapaz de ver un telexornal na televisión, escoitar un informativo na radio ou ler certos comentarios en xornais e portais web. Das redes sociais xa mellor non falar porque hoxe en día calquera é tertuliano, politólogo ou aproveita calquera post para insultar. Todo elo, provocado pola mala imaxe e o constante barullo que se traslada desde o Congreso e o Senado, onde as formas e o bo decoro parlamentario se perderon case por completo.

A política estase a converter nunha zona de embarre do terreo de xogo, de crítica destrutiva ao de enfronte, alentando a imaxe de que todos e todas somos iguais. Que dá o mesmo ser de esquerdas ou de dereitas, de ultradereita ou moderado, populista ou liberal. En definitiva, que o noso voto non vale nada porque, como se di con cada vez máis normalidade: “Todos os políticos son iguais”. Eu négome a permitir que ese mantra se converta nunha realidade. Non é certo que dea igual quen goberne, porque non é o mesmo estar de lado que deixar de lado. A responsabilidade é ben distinta. Mais se hai algo que nos debera ser común é a seriedade que nos esixe estar ocupando o espazo que a cidadanía nos deixou ocupar. As direccións dos partidos non deberían consentir que o matonismo político triunfe nos símbolos da soberanía popular que deben ser exemplo e modelo da educación e o respecto. Por iso, como cidadán pido volver á cordura. E como socialista, tamén llo pido ao meu partido. Pídolle que non caia na vulgaridade e non entre ao xogo do enfrontamento e a guerra do “y tú más”. Que sexamos exemplo de traballo, responsabilidade e humildade e nos dediquemos a poñer en valor a tarefa realizada no noso Goberno, que é moita.

Estamos conseguindo uns datos económicos moi positivos, logrando que o paro baixe a niveis históricos e obtendo conquistas sociais moi necesarias, como a suba do salario mínimo, o aumento no número de vivendas ou facerlle fronte ao problema da vivenda e a saúde mental. O que de verdade lle afecta á xente. Porque, mentres se fala do barullo, da corrupción, dos ataques persoais e das mascarillas non se fala da transformación económica e social que está a vivir o Estado e que resulta exemplar nos últimos anos, converténdonos en referente en Europa polos datos e o peso político do noso país. Remato aproveitando para facer unha reflexión. As decisións políticas cambian o día a día da xente. Por iso, igual non era malo que antes de chegar ao Congreso, ao Senado ou aos parlamentos autonómicos se pasase primeiro pola política local e non esquecer que o contacto directo e de verdade coa cidadanía son a base de todo.