Opinión | Negro sobre branco

‘Aleteo’ de velutinas

Pasada a pandemia, as pragas procedentes de China non deixan moito repouso para a tranquilidade. A invasión de velutinas lembra unha outra praga. Son unha especie de vespas estrañas ao país. Son fortes e correosas coma demos. Teñen unha capacidade de resistir mesmo en condicións moi desfavorábeis. E, o máis importante, gañan continuamente a guerra fronte a outras avespas, abellas e canto himenóptero se lle cruzar. De momento, entre combate á praga, picaduras e perdas por desaparición de abellas, imos perdendo. E, no canto de gañar, ha ser despois de se empregar ben a fondo ou probabelmente gastando en antídotos tamén chineses. Mais esquecendo o ‘aleteo’ -ou o batido feroz dunha delas- pensamos o que pode significar para a economía europea unha decisión de política económica chinesa, un desencontro cos EEUU, ou unha falta de resposta apropriada da UE: o mercado europeo, tanto o interior como o exterior, son hoxe un apéndice dun mercado mundial controlado por dúas potencias en combate, EEUU e R.P. China. Lonxe como estamos dos centros de decisión, non por iso imos ficar menos afectados, senón todo o contrario; a suposta metáfora do ‘aleteo’ aquí séntese como un vendaval. Os coches eléctricos -así é como lle chamábamos en Lugo no Sanfroilán aos coches de choque- son obxecto de litis entre os EEUU e China, pola evidencia de que a economía chinesa é quen de vender millóns de coches a un prezo moito máis barato que os occidentais e con capacidade de crecemento demostrada. A economía pasou ao primeiro plano dos asuntos de interese chino-norteamericanos, e hai 7 días reuníronse en Canton o viceprimeiro ministro chinés encargado de Economía, He Lifeng e a Secretaria do Tesouro dos EEUU, Janet Yellen, para tratar de forma bilateral e dialogada as súas diferenzas. A sra. Yellen é economista cun modo de facer distinto do talante que en reunións anteriores tiveron representantes de procedencia militar. Do que ten transcendido, dous son os campos de preocupación dos americanos: o subsector de novas enerxías e a produción de vehículos eléctricos. A perspectiva de EEUU cara China é constatar a existencia de sobrecapacidade chinesa nunha traxectoria imparábel. Os chineses ven como os americanos non deixaron de implementar medidas protectoras do seu mercado, subvencións (Biden, para transición enerxética), novas taxas aos paineis solares chineses (de Trump, mais mantidas por Biden) ou mesmo restricións de acceso (caso Huawei da era Trump), que contraveñen na letra e no espírito os acordos da OMC. Pekín denuncia a imposición continua de medidas de supresións comerciais e tecnolóxicas contra China e ambos ameazan con utilizaren a posibilidade de denuncia na OMC, as trabas ao comercio. A mirada desde a nosa economía bateu antes coas accións dos norteamericanos, xa que de momento a sobrecapacidade chinesa é unha seria ameaza para unha UE que non ten nen marco de diálogo para dicer a China algo parecido ao expresado pola sra. Yellen: propoñer que China se autolimite para evitar os trastornos evidentes no chamado -por elevación- mercado mundial. Unha decisión de acordo neses dous campos mudará o escenario en que nos movamos, aquí e no resto da UE.