Opinión | TRIBUNA LIBRE

22 de abril: trescentos anos despois, aprendamos a pensar

HOXE É 22 DE ABRIL, poñamos que estamos en 1724. Unha muller soporta dores de parto con máis medo que esperanza. Dos catro partos anteriores só sobreviviu unha filliña. Ela chámase Anna Regina, estamos en Königsberg, nace Immanuel Kant. 

Anna Regina segue a fe pietista, reúnese nos collegia pietatis para ler e comentar a Biblia, en pé de igualdade entre homes e mulleres. Por iso, excepcionalmente para a época e a clase social, sabe ler e escribir. O precepto da caridade levará a Anna Regina a atender unha veciña con febres, contáxiase e morre. Seu fillo conta trece anos e nunca esquecerá os paseos con ela e as súas explicacións sobre as marabillas da natureza. Sábese que fisicamente Kant era o vivo retrato dela. Trescentos anos despois celebramos ese parto e o nacemento dun dos filósofos máis relevantes da historia occidental. Os xornais de todo o mundo evocan estes días a figura senlleira. A súa filosofía crítica é un convite radical a pensar. A crítica é o exercicio da razón que razoa, que pensa e fai balance incluso de si mesma. Nas súas aulas de lóxica Kant parábase a explicar polo miúdo os prexuízos como o contrario da razón. Prexuízo é, segundo Kant, todo pensamento que está en nós sen ter sido filtrado polo exercicio do pensamento propio. Consisten en “adoptar o pensamento de outros”, consisten, en definitiva, en non pensar. En termos de hoxe: son ideoloxía. As palabras de Kant interpélannos porque el axudou a construír a autocomprensión do ser humano na que estamos, é un contemporáneo noso que nos fala de cousas moito máis próximas do que moita xente supón. A súa famosa crítica da metafísica resúmese en que non hai unha ciencia do máis alá, pero tamén en que a ciencia positiva e os seus resultados nunca van poder dar resposta ás preguntas máis fondas que o ser humano se fai. No eido da ética proclamaba a liberdade e o arraigo da norma moral na razón, é dicir, fóra dos parámetros relixiosos e polo tanto válida para toda a humanidade, con independencia da tradición e da cultura de cadaquén. Con Kant ábrese desde Königsberg un horizonte común universal no que todos e todas temos voz, porque todos e todas somos partícipes da allgemeine Menschenvernunft (razón humana universal). Neste horizonte deberíamos ser quen de regular a convivencia entre tódolos pobos da Terra mediante unha orde mundial cosmopolita, baixo a conditio sine qua non de que a política sexa rexida pola ética. Nese horizonte común universal debería poder florecer a paz perpetua. Trescentos anos despois do nacemento de Immanuel Kant, non sopran aires que poidan traer nin sequera un abril, xa non de paz, senón de tregua. A humanidade non se educa nos seus textos, nin na filosofía en xeral, non vai polo camiño que Kant albiscou, non aprendemos a pensar... aínda... porque como tamén el proclamou, a razón humana é a nai de toda esperanza. A Facultade de Filosofía da USC acollerá proximamente o VI Congreso da SEKLE (Sociedade de Estudios Kantianos en Lengua Española), 15-19 de xullo 2024: Camiños Kantianos do pensar/Kants Wege des Denkens.