Veciños de Arzúa reclaman “uns servizos dignos de pediatría” no seu centro de saúde

A convocatoria encabezada por pais e nais denuncia “ter que deprazarse a Santiago ou Melide”

Concentración diante do centro de saúde de Arzúa / cedida

Concentración diante do centro de saúde de Arzúa / cedida / redacción

redacción

O Centro de Saúde de Arzúa viviu unha xornada de reivindicacións o pasado luns cunha concentración organizada por grupos de pais e nais da vila coruñesa. Baixo a reclamación de “uns servizos de pediatría dignos” para o municipio, decenas de persoas déronse cita na porta do ambulatorio para protestar pola “falta de persoal facultativo” nas instalacións do municipio, algo que “sofren constantemente”. Á cita acudiron membros do Goberno municipal, como o alcalde Xoan Xesús Carril, apoiando a reclamacións polas que se deron cita os arzuáns.

Dende a organización da protesta declaran que levan semanas sen ter pediatra dispoñible para os cativos, véndose “obrigados a desprazarse a outros concellos” como é o caso de Melide ou Santiago. Os manifestantes aproveitaron a ocasión para resaltar a “defensa do dereito das traballadoras e traballadores á súa baixa laboral”, facendo fincapé na “situación de sobrecarga” que experimenta o sistema sanitario galego.

Os pais e nais afectados reclaman servizos sanitarios axeitados para o coidado dos seus fillos e fillas, solicitando ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) cubrir a praza de pediatra vacante da localidade. Dende a organización definen a petición como “un dereito básico”. Recalcan que os nenos e nenas da vila non se poden ver “privados dunha atención médica axeitada” pola falta de persoal.

“Non descansaremos ata que se restableza o servizo de pediatría en Arzúa”, afirmou Ledicia Orois, unha das nais afectadas pola situación do ambulatorio da vila e esixiu “un compromiso serio coa saúde” dos seus fillos e fillas. Ademais, instaron á Xunta de Galicia a “tomar accións inmediatas para solucionar esta situación”. Agardan que as súas demandas sexan “escoitadas”.