Oroso executa as melloras no alumeado público da urbanización de Porto Avieira

Álex Doval, alcalde de Oroso, supervisou durante estes días a reposición dos cables en mal estado

Álex Doval (dta.), alcalde de Oroso, nas obras de Porto Avieira

Álex Doval (dta.), alcalde de Oroso, nas obras de Porto Avieira / CEDIDA

ECG

O Concello de Oroso atópase inmerso nos traballos de mellora do alumeado público situado na urbanización Porto Avieira, na parroquia de A Gándara. As obras comezaron na primeira semana do mes de abril e teñen como obxectivo mellorar a calidade do alumeado público, xa que existen partes da zona que adoitan estar máis escurecidas. Ademais, preténdese mellorar a seguridade das instalacións presentes e favorecer a súa eficiencia enerxética.

O popular Álex Doval, alcalde de Oroso, supervisou durante estes días a reposición dos cables en mal estado que están a producir cortes de luz e a integración coa contorna. O proxecto, dividido en dúas fases, consta dun investimento total de 180.000€ a través dos fondos do POS (Plan de Obras e Servizos da Deputación) do ano 2022 para acometer estas melloras. Esta actuación é o comezo dunha serie de melloras que están por vir nesta urbanización, como a mellora do firme da estrada nos accesos á mesma ou na pista deportiva que se atopa na entrada da urbanización.