Val do Dubra recorrerá ante o Supremo a rehabilitación da canteira Pedra Facha

O Concello asegura que esgotará todas as vías co obxectivo de defender os intereses municipais

redacción

O Concello de Val do Dubra informa que a antiga canteira Pedra Facha, situada en Niveiro, unha vez que tivo cesado na súa actividade mineira, atópase afectada por un proxecto de rehabilitación e rexeneración que incluiría, segundo a empresa promotora do mesmo, a instalación dun vertedoiro de residuos non perigosos que ocuparía o espazo mineiro en desuso e, polo tanto, de considerables dimensións e gran impacto.

Unha vez que a empresa ten iniciado ante a Xunta as actuacións e trámites administrativos necesarios para a súa autorización, tense solicitado ao Concello o informe sobre a compatibilidade de dito proxecto co planeamento urbanístico municipal, “que ten emitido en sentido negativo, por considerar que, se ben a rexeneración da canteira resultaría urbanisticamente compatible, non o sería que esta inclúa a creación do pretendido vertedoiro de residuos”, subliñan.

A entidade promotora ten alegado en vía administrativa e, posteriormente, por vía xudicial, “téndose producido unha recente sentenza favorable aos intereses da empresa, pois implicaría o recoñecemento da compatibilidade urbanística do vertedoiro”.

Non obstante, logo de analizar a resolución, o Concello ten decidido presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo “para esgotar todas as vías xudiciais, administrativas e políticas para a defensa dos intereses xerais”.