A Pobra volverá gozar do caldo de gloria e dun xogo-concurso no Día de Rosalía de Castro

Patricia Lojo, á esquerda, e Fita Sanisidro, na presentación / c. de A pobra

Patricia Lojo, á esquerda, e Fita Sanisidro, na presentación / c. de A pobra / redacción

redacción

O Concello da Pobra celebrará o día 23 o Día de Rosalía de Castro coa tradicional ofrenda cívica na praza que leva o nome da escritora, ás 13.00 horas, coa lectura dun manifesto, música tradicional a cargo de Xiada e o repartimento de caldo de gloria entre os asistentes.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal, Fita Sanisidro, valoran a participación dos centros educativos de Primaria, “pois as crianzas son as principais destinatarias das accións que impulsa o Concello”, segundo a edil.

Debido á boa acollida nas edicións anteriores, apostarán novamente polo xogo-concurso As sete Rosalías co obxectivo de achegarlles a figura intelectual dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico. Poderán participar os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra.

E para os escolares de Educación Infantil tamén artellan unha proposta para aplicar diferentes técnicas plásticas sobre un soporte co debuxo de Rosalía de Castro.