Medio cento de actividades repasarán a historia do museo con vistas ao futuro

A primeira gran cita será a exposición ‘Un traballo en equipo: revisión histórica’

Imagen del CGAC

Imagen del CGAC / Esteban Delaiglesia

Entre o medio cento de actividades organizadas para conmemorar os trinta anos de vida do Centro Galego de Arte Contemporánea destaca a exposición Un traballo en equipo: revisión histórica do CGAC, comisariada por Santiago Olmo, na que se repasará a historia do centro a través das pezas máis significativas, tanto da súa propia colección como en proxectos expositivos ao longo destas tres décadas. A mostra será inaugurada o 7 de xullo e contará con obras de Maruja Mallo, Luis Gordillo, Berta Cáccamo ou Nicolás Combarro, entre outros.

Complementarase con A colección CGAC na Cidade da Cultura, unha exposición que acollerá, tamén no mes de xullo, o Museo Centro Gaiás. Esta iniciativa suporá a primeira colaboración entre as dúas institucións culturais e permitirá ao visitante poder desfrutar de mostras que polo seu grande formato, polas súas dimensións ou tamaño, resulta difícil poder velas xuntas no propio CGAC.

Na data da efeméride da inauguración do museo compostelán en 1993, o 29 de setembro, o Centro Galego de Arte Contemporánea ten previsto organizar numerosas actividades para todos os públicos, nunha xornada lúdica e festiva que incluirá concertos, danza vertical e un espectáculo de video mapping, entre outras propostas, segundo avanzou a Consellería de Cultura. E invitarase á reflexión con actividades vinculadas as mostras do CGAC, como un congreso ou unha xornada formativa.

Ese día inaugurarase a mostra Implosion. A arte conceptual na colección CGAC, comisariada por Pedro de Llano Neira.