A USC aposta por fomentar un uso crítico de Internet entre o alumnado preuniversitario

Preténdese que fagan unha reflexión sobre as súas propias prácticas e as consecuencias

Imagen de la Facultad de Medicina de la USC

Imagen de la Facultad de Medicina de la USC / ECG

Lograr un uso responsable e crítico da Internet e dos dispositivos dixitais é a meta que perseguen as sesións de intervención que acaba de desenvolver un equipo da USC e da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), dirixidas a alumnado de 12 a 17 anos. O proxecto ‘Anomia dixital e riscos en Internet’ desenvolveu un estudo previo entre 2.529 estudantes que cursan estudos en centros educativos do País Vasco, Navarra, Galicia, Comunidade de Madrid e Cantabria; así como a rexión de Attica, en Grecia; e na rexión de Marche en Italia. Esta análise evidenciou que arredor do 50 % dos menores usan servizos como Whatsapp sen cumprir co requisito de idade; e ademais non son conscientes da gravidade de romper as normas dos servizos en liña. No caso galego, o estudo detectou comportamentos que demostran unha exposición alta a graves riscos por acción ou omisión, como por exemplo, aceptar solicitudes de amizade de descoñecidos.

A partir dos datos obtidos, o equipo, coordinado dende a Cátedra Unesco da UPV e liderado, na USC, polo investigador Fernando Fraga do departamento de Pedagoxía e Didáctica, desenvolveu as sesións formativas que agora comezan a presentar en diversos centros de secundaria coa intención de que sexan integradas na súa oferta formativa.

A maioría das actividades buscan que “os e as participantes reflexionen sobre as súas propias prácticas e identifiquen as consecuencias que teñen para o seu benestar físico e emocional, así como para a construción dunha sociedade democrática e igualitaria”, explican dende o proxecto. Cada educador/a conta con un total de 13 sesións cun tempo estimado de 50 minutos.