Os gañadores dos Viéitez Cortizo, exemplo da investigación de alto nivel en Galicia

Juan Lema destaca que os seus traballos “contemplan tanto investigación básica como orientada na procura de solucións reais a problemas que se presentan na nosa sociedade”

Vista xeral dos asistente á entrega dos galardóns na sede da institución académica

Vista xeral dos asistente á entrega dos galardóns na sede da institución académica / JESÚS PRIETO

Galardoados cos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, os catro distinguidos nesta 32 edición “representan un gran exemplo de investigación de alto nivel que se está a producir en Galicia”, segundo destacou onte o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema.

Así referiuse aos equipos premiados de Diego Peña, Marcos Fernández, Luis Carral e Sergio Vila, durante a súa intervención, na que mostrou a súa satisfacción “polo elevado nivel das candidaturas presentadas, nas cinco áreas da academia, o que fixo moi difícil o labor do xurado”.

O acto, que tivo lugar na sede compostelá de San Roque, contou coa presenza do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijoo; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Emprego da Universidade da Coruña, María José Lombardía, e o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández Campo; así como o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona, entre outros representantes e xunto a numerosos académicos.

O obxectivo destes galardóns é promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación, química e xeoloxía, bioloxía e ciencias da saúde, ciencias técnicas e ciencias económicas e sociais.

Nesta ocasión presentáronse un total de 66 candidaturas nas dúas modalidades do certame, na correspondente ao traballo de investigación realizado por investigadores sénior, dotado con seis mil euros, e na de traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos investigadores menores de trinta anos, dotado con dous mil euros.

O equipo liderado por Diego Peña, membro do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, obtivo o recoñecemento na modalidade de investigadores sénior por un proxecto realizado xunto a investigadores da compañía IBM en Zúric e das universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudita e Regensburg, en Alemaña.

Co seu traballo lograron por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, rompendo ou formando ligazóns entre os seus átomos a vontade.

Fotografía de familia dos premiados cos Premios Viéitez Cortizo da Real Academia Galega de Ciencias e académicos da institución / JESÚS PRIETO

Fotografía de familia dos premiados cos Premios Viéitez Cortizo da Real Academia Galega de Ciencias e académicos da institución / JESÚS PRIETO / k.m.

O avance, que foi portada da revista Science, supón un control sen precedentes a escala molecular. Permitirá crear máquinas moleculares artificiais inimaxinables ata agora, capaces de realizar tarefas como a distribución intelixente de fármacos e con múltiples aplicacións na medicina e na industria.

“Desde o século XIX os químicos tentamos cambiar a conectividade entre os átomos nas moléculas para obter novas funcionalidades. A novidade é que agora podémolo facer de forma extremadamente precisa e sobre moléculas individuais, coma se dispuxésemos de pinzas nanométricas do tamaño das moléculas. Non só controlamos que ligazóns se forman, ademais facémolo de xeito reversible”, explicou Diego Peña ao ter coñecemento deste premio.

Na categoría de investigadores mozos foi galardoado o traballo do equipo liderado por Marcos Fernández, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. Un proxecto mediante o cal o equipo desenvolveu un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles, a través da aplicación de técnicas de intelixencia artificial e de procesamento da linguaxe natural. O seu traballo foi publicado o pasado ano na revista Engineering Applications of Artificial Inteligence.

“Sentímonos especialmente orgullosos de ter recibido este premio porque adoita recaer en traballos máis vencellados coa ciencia e é un xeito de recoñecer a investigación que se fai no eido das novas tecnoloxías, neste caso a aplicación de técnicas de intelixencia artificial e de procesamento da linguaxe natural á resolución dun problema que nos afecta a todos”, apuntou Marcos Fernández ao coñecer o resultado do xurado dos premios.

Xunto a estes galardóns, a Real Academia Galega de Ciencias concedeu dúas mencións honoríficas.

A primeira delas, na modalidade de traballo de investigación, recoñece un proxecto centrado na aplicación dos residuos da depuración de bivalvos en Galicia para a recuperación dos ecosistemas mariños mediante a creación de arrecifes artificiais. Trátase dunha investigación multidisciplinar coordinada por Luis Carral, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña.

Estes arrecifes verdes terán como obxectivo mitigar a degradación dos ecosistemas costeiros, co fin de incrementar a súa produción de xeito sustentable, adaptándose ademais o seu deseño á realidade e ás características particulares de cada ría.

A institución académica que preside Juan Lema decidiu ademais conceder unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo que analiza por que a cidadanía se amosa reticente ao uso de auga reciclada (auga residual tratada) como solución á escaseza deste recurso, a pesar de que se obtén mediante unha tecnoloxía sostible.

Dirixidos por Sergio Vila, os seus autores desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) e na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago.