‘Catro médicos: Croques ao Apóstolo’, no Centro Empresarial do Tambre

A mostra colectiva poderá visitarse ata o 24 de marzo

4 medicos artistas (de esquerda a dereita, Tino Cuesta, Xesus Vazquez, Pablo Galego e Leopoldo Garcia

4 medicos artistas (de esquerda a dereita, Tino Cuesta, Xesus Vazquez, Pablo Galego e Leopoldo Garcia / ECG

A exposición colectiva Catro médicos: Croques ao Apóstolo, unha iniciativa do grupo de artistas coñecidos como Catro Médicos por...., será inaugurada esta tarde pola Asociación Área Empresarial do Tambre, a partir das 20.00 horas. Unha mostra que poderá visitarse no Centro Empresarial do Tambre da capital galega ata o próximo 24 de marzo, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Nesta mostra colectiva expoñen os seus traballos artísticos os médicos, amigos e pintores Pablo Galego Feal, Xesús Vázquez Gallego, Leopoldo García Méndez e Constantino Cuesta Ibáñez (Tino Cuesta). Aínda que con estilos artísticos diferentes, as obras compleméntanse perfectamente para configurar esta mostra composta por un total de 32 obras, oito de cada un dos protagonistas da mesma.

Con estilos complementarios, próximos ao expresionismo, cada un deles aporta a súa interpretación persoal e inconfundible do mundo artístico.

Pablo Galego ten nos expresionistas alemáns e norteamericanos a súa referencia, representa nas súas pinturas a terra, o mar e o ceo e tamén crea paisaxe urbana; Xesús Vázquez dá forza á súa pintura cos seus tons en obras abstractas; Leopoldo García é un retratista da cor e crea paisaxes mariñeiras; e Constantino Cuesta céntrase no cubismo figurativo.

O grupo Catro médicos por... foi creado no ano 2014 e iniciou o seu percorrido artístico cunha mostra realizada no Círculo Sabiñao de Escairón.

Os catro compoñentes actuais teñen unha longa experiencia no mundo da pintura galega. Ata a data, expuxeron colectivamente nunha vintena de ocasións por toda a comunidade autónoma, visitando Lalín, Vilalba, Baiona, Santiago, A Coruña, Ferrol, A Guarda, Ribeira, Betanzos, Ferrol, Viveiro ou Ourense.

Todos eles expoñen sempre en salas de arte de concellos, casas de cultura, deputacións provinciais ou en entidades financeiras ou mesmo en casinos. Explican que nunca expoñen en salas de arte profesionais nin naquelas nas que hai venda directa ao público, xa que o obxecto deste grupo, segundo afirman, é “gozar e relaxarse pintando, especialmente despois dunha dura xornada de traballo vendo pacientes”.

Independentemente de expoñer en grupo tres ou catro veces ao ano, realizan mostras individuais e algunha que outra colectiva con outros artistas.

Pertencen tamén ao Colectivo de Médicos Artistas Plásticos de Galicia que aglutina a máis de corenta médicos que fan pintura, escultura e fotografía.

Sobre as súas traxectorias profesionais, o doutor Pablo Galego Feal (Ferrol) exerce na actualidade en Coidados Paliativos en Santiago, despois de formar parte do equipo de xestión do Sergas durante anos. Pertence á Sociedade Artística Ferrolana.

Xesús Vázquez Gallego é de Sarria e traballa como facultativo en Lugo. Leopoldo García Méndez é natural de Compostela e exerce como médico en Vigo. Constantino Cuesta Ibáñez naceu en Barakaldo, pero estudou Medicina en Santiago ata exercer actualmente en Sigüeiro, Oroso.