O Citius pide axuda á sociedade para que chatbots como Alexa ou Siri falen mellor

Un estudo analizará a maneira adecuada de interactuar das persoas en función do contexto específico e intentará despois aplicalo aos asistentes conversacionais virtuais

Cristina Carvajal, lingüista computacional no Citius, no departamento no que traballa  / antonio hernández

Cristina Carvajal, lingüista computacional no Citius, no departamento no que traballa / antonio hernández / lorena rey

Unha sondaxe integrada na tese de doutoramento en Tecnoloxías da Información da lingüista computacional Cristina Carvajal pretende estudar a percepción que ten a poboación sobre o rexistro lingüístico que debe utilizar un asistente conversacional dependendo do contexto da conversación. O obxectivo é poder dotar aos chatbots de respostas máis personalizadas dependendo da situación e do interlocutor. Carvajal forma parte do grupo de investigadores do Centro Singular de Investigacións en Tecnoloxías Intelixentes (Citius) da Universidade de Santiago.

A investigadora explica que un chatbot “é un sistema intelixente capaz de interactuar en linguaxe natural e de simular unha conversa co seu interlocutor”. Os máis coñecidos son Alexa e Siri como chatbots de voz, pero no estudo tamén traballan con chatbots de texto, que se poden atopar en páxinas web da Administración Pública, nos móbiles ou ben en Google.

“O obxectivo é mellorar a calidade de resposta dos chatbots. Cando a xente se comunica con outras persoas adecuámonos á situación, ao interlocutor, ao tema e entón o que vemos é que os chatbots na actualidade son bastante ríxidos no aspecto de variación lingüística”, asegura Carvajal.

Este estudo é, ademais, froito dunha colaboración entre o Citius e Amtega, dentro do proxecto XIA, onde se chegou a debatir os termos nos que se quería que se comunicasen os chatbots. “Trátase dunha canle de mensaxería instantánea máis informal que un escrito en carta ou que falar con unha persoa que está detrás dun mostrador. E como viamos que había dificultades e non se atopaban respostas dentro da literatura pensamos en preguntarlle á xente o que opina ao respecto con ese obxectivo de facer máis personalizado o estilo de fala dos chatbots”, explicou.

A través dun enlace o usuario atoparase con dous escenarios diferentes, un nun contexto da Administración Pública con dous textos sobre a Chave 365 “que creo que case todo o mundo coñece e máis a raíz do Covid” e outro de compraventas de entradas de eventos con outros dous textos. “Terán que leelos e evalualos para responder a unhas preguntas sobre se son máis ou menos formais, máis ou menos corteses e sobre a dificultade ou facilidade de leer e comprender o contido, ademais de ver se se adecúa ou non ao contexto conversacional”, explica Cristina Carvajal.

En galego e castelán

A maiores, pretenden estudar se hai diferenzas entre os asistentes virtuais que falan en galego e castelán. “Os conceptos de cortesía que temos aquí son moi diferentes en comparativa aos de outras partes do mundo, é decir, culturalmente tamén temos uns conceptos diferentes de como comunicarnos”, comentou. Polo tanto agora tratarán de “ver si dependendo dunha lingua ou outra hai preferencias”. Nesa última parte da sondaxe inclúense preguntas demográficas que serán anónimas, sobre a idade, xénero, preferencias de idioma e estudos.

“Nalgún momento todo o mundo vai ser usuario destas tecnoloxías polo que precisamos saber a forma de comunicación desexada”, di a lingüísta computacional.

O estudo púxose en marcha o xoves día 1 de marzo. En principio estará visible un mes, aínda que “semana tras semana iremos vendo a participación que ten”. Pretenden chegar a un público amplo e heteroxéneo considerando a diversidade lingüística necesaria para poder comunicarse correctamente coas tecnoloxías. “Na Universidade podemos difundilo pero vai ser un público que vai estar un tanto sesgado porque vai ter un rango de idade e estudos determinados” e “os chatbots son para todo o mundo”, indica a investigadora do Citius.

O seguinte paso será analizar os resultados coa intención de plasmalos posteriormente nun estudo cun Chatbot real, “pero iso aínda está moi no aire”, comenta. A maiores, e aproveitando que Carvajal pertence ao proxecto Nós do Citius onde teñen un subproxecto de sistemas de diálogo, “estas cousas poderemos usalas para aplicalas dentro dos estudos que levemos a cabo”.

Á espera de coñecer os resultados, a investigadora cree que a xente ten unha preferencia clara sobre como debe comunicarse alguén segundo o contexto no que se atope, “polo que confío en que se saquen suficientes resultados para poder personalizar as mensaxes”.