Verea prometer derrubar a Casa da Xuventude este ano e abrir a praza a Belvís se é alcalde

“Será unha oportunidade para poñer en valor os restos patrimoniais e a praza do Matadoiro ”, indica o popular

Imaxe virtual da zona de paso ubicada onde está a Casa da Xuventude

Imaxe virtual da zona de paso ubicada onde está a Casa da Xuventude / REDACCIÓN

Redacción

O candidato do PP á Alcadía comprometeuse a derrubar a Casa da Xuventude en 2023 se en maio consegue a maioría suficiente para gobernar Compostela. Borja Verea salientou que “se son alcalde de Santiago dinamizaremos a praza do Matadoiro e conectaremos o parque de Belvís co Casco Histórico a través dunha ambiciosa rehabilitación de toda a contorna”. Para o candidato popular “o derribo da Casa da Xuventude será unha oportunidade para poñer en valor os restos patrimoniais da praza e para actualizar o concepto de espazos pechados ás necesidades do século XXI”.

A praza do Matadoiro quedaría conectada co parque de Belvís

A praza do Matadoiro quedaría conectada co parque de Belvís / REDACCIÓN

Ante as vindeiras eleccións municipais, o parlamentario compostelán pediu tamén que “os veciños que aposten por derribar a Casa da Xuventude o deixen claro nas eleccións á Alcaldía do 28 de maio”, destacando que “non hai mellor momento para que a cidadanía fale claro, imos construír o Santiago do século XXI entre todos”.

“Os votantes que confíen en min poden ter a certeza de que derribarei a Casa da Xuventude e poñeremos en valor a Praza do Matadoiro”, apuntou Verea, quen dixo ter como obxectivo “unha Compostela máis amable, máis humana e máis familiar” e “as necesidades da xente non son as mesmas hoxe que hai trinta ou cincuenta anos”.

Sostén que “o tempo tamén quita caretas, e todos os que defenderon este edificio quedaron sen argumentos, xa que anos despois está nun estado insalubre, deteriorado e degradado, sendo hoxe máis custoso arranxalo que derribalo”. Incidiu en que se gaña as eleccións e é alcalde, “O Matadoiro será un novo espazo comunitario, verde e dinámico, un punto de encontro social e exemplo dunha cidade moderna e alegre”.

Borja Verea rematou lembrando que “as políticas do partido socialista de Bugallo son as do retroceso e o pasado”. O seu cometido é “poñer en marcha un Santiago con ganas de crecer; fronte a uns dirixentes tristes e cansados nós queremos un Santiago con novas enerxías e máis forza”.