Emotivo recordo a Moncho Díaz na ‘sonora’ apertura da mostra sobre Fuxan os Ventos

Unha exposición, inaugurada onte na Sede Afundación, repasa os cincuenta anos de historia do grupo de música tradicional // Interpretaron varios temas míticos ante case 600 persoas

A exposición que resume os cincuenta anos de traxectoria do grupo galego de música folk Fuxan os Ventos estreouse onte na sede de Afundación en Santiago, iniciando así o seu itinerario por Galicia, tras inaugurarse no mes de outubro en O Vello Cárcere de Lugo, case un mes despois da morte duns dos seus integrantes, Moncho Díaz, nacido en Vilanova e veciño de Compostela durante moitos anos. Ao acto de presentación da mesma, celebrado ás 10.30 horas, acudiron Antón Castro, integrante do grupo; Sabela Fraga, comisaria da exposición, e Paloma Vela, coordinadora adxunta de Cultura de Afundación. Previo a unha visita guiada á mostra, Sabela Fraga e Antón Castro foron os encargados de explicar o discurso conceptual da exposición e a traxectoria histórica do grupo, respetivamente.

Articulada por pezas gráficas, instrumentos musicais e reproducións sonoras de temas que xa son himnos populares, a mostra Fuxan os Ventos, 50 anos de historia. 1972-2022 pretende ilustrar tanto o devir do grupo desde o ano 1972, como apelar ás novas xeracións para transmitirlles a importancia da dignificación dun legado cultural que a piques estivo de ficar nas marxes.

Ao longo dos múltiples documentos e obxectos que conforman a exposición, apréciase como a traxectoria de Fuxan os Ventos é un reflexo do devir recente da sociedade galega. Desde anotacións manuscritas en papeis ou cartóns de envases xa baleiros, compilacións e estudos musicolóxicos asinados polos grandes eruditos da música galega, ata un expositor de cintas de casete das que se atopaban nas gasolineiras, na mostra contémplanse, ademais, pezas con tanto significado como a zanfona, un instrumento cuxo son comezaba a quedar esquecido cando Fuxan os Ventos se embarcou na súa recuperación. E, xunto a ela, a gaita, redignificada neses anos; o acordeón, outra volta reivindicado; ou o asubío, que habitualmente se vinculaba coa chegada de afiadores e capadores ás vilas e aldeas. E, canda todos estes instrumentos, Fuxan os Ventos reclamaron o papel imprescindible das mulleres na conservación, na transmisión e na interpretación da tradición musical galega. Trátase, pois, dunha agrupación imprescindible para o avance que, nas décadas posteriores, se produciu para a recuperación e a popularización desde os escenarios do folclore de Galicia.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, no Auditorio Abanca, tivo lugar o acto oficial de inauguración, no que Fuxan os ventos interpretaron algúns dos temas da súa extensa discografía. No evento, ao que asistiron preto de 600 persoas, participaron Xosé S. Bugallo, alcalde de Santiago; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Pedro Otero, director xerente de Afundación; Tareixa A. Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura do Concello de Lugo; e de novo Sabela Fraga, comisaria da mostra. “É unha ledicia ver un auditorio cheo de xente e con un público tan variado en idade”, afirmou Otero. A continuacion, Sabela Fraga destaca o compromiso de Fuxan os Ventos “na defensa da lingua galega”. “Quere ser un legado para todos e que se presente para o futuro. Todo o que construiron vai quedar entre os tempos e a xente”, engadiu.

Durante o acto de apertura da mostra, Fuxan os Ventos interpretaron varias cancións, como O lobo, O meu amor mariñeiro ou Cantar de cego, que fixeron emocionar ao público. Antón Castro, en representacion do grupo, agradeceu as autoridades presentes “o compromiso cultural co idioma”. É o noso adn e con el queremos continuar aínda q sexa na sombra”, sinalou antes de enviarlle “moitos bicos a Moncho”.

Por último, Román Rodríguez salienta os 50 anos de historia de Fuxan os Ventos como “gardiáns do patrimonio sonoro, literario e instrumental de Galicia”. O conselleiro asegurou que este grupo é “moito máis que unha banda musical”, xa que os seus temas e mensaxes “sempre foron un espello do estado do pobo galego” a través da “permanente reivindicación da liberdade, da xustiza, da igualdade e da idea de Galicia por riba de todo”. “Isto convérteos nunha icona cultural e musical de Galicia”, abondou.

A exposición tradúcese nunha oportunidade de traballar na compilación, dixitalizada, de toda a discografía do grupo que, ata que se iniciou o traballo de organización desta mostra non se podía localizar nun repositorio unificado.

Un dos aspectos no que máis inciden as persoas integrantes de Fuxan os Ventos con motivo desta mostra é a súa vertente didáctica. Concibida como unha mostra de continuidade para as vindeiras xeracións, consideran esencial o programa de visitas escolares de carácter didáctico que Afundación ten xa deseñado. Así, os integrantes de Fuxan os Ventos participarán tamén desas visitas, para poder conectar directamente co público máis novo.

A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 25 de maio na Sede Afundación en Santiago, en horario de luns a venres, de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas.

Esta mostra enmárcase no programa social Cultura por alimentos, que anima ao público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local a través da colaboración con FESBAL.