Abre ‘Corpos Recortados de Amparo Segarra’, na Fundación Eugenio Granell

É un proxecto comisariado por Eduardo Valiña, e está no segundo andar

Fundación Eugenio granell

Fundación Eugenio granell / ECG

REDACCIÓN

Ven de abirse na Fundación Eugenio Granell de Santiago a exposición Corpos Recortados de Amparo Segarra, un proxecto comisariado por Eduardo Valiña que poderá visitarse no segundo andar do museo.

A exposición componse dunha selección de obras nas que Amparo Segarra, a través das súas colaxes ofrece unha reflexión arredor do corpo humano como eixe central de parte das súas composicións.

O corpo nu, masculino e feminino, nas diferentes etapas da vida, enteiro, fraccionado ou creado a partir da unión dos diferentes xéneros para concibir unha nova imaxe que demanda a artista dende a diversidade e o respecto cara a muller e as minorias. Neste senso a muller represéntase como artífice das composicións fronte a unha masculinidade dominante que Segarra afronta dende diferentes ópticas para denunciar a discriminación sexual nas diferentes partes do mundo.

Por outra banda a mostra complétase con pezas que xogan coas ironías a través da unión de distintos elementos xerando un humor ácido en relación á imaxe masculina ou de forma sarcástica aos desequilibrios sociais onde as mulleres son presentadas como as principais vítimas do sistema. Segarra comezou o seu traballo plástico en unión con Eugenio Granell interesada pola técnica da fotomontaxe. Nos anos 50, realizaba colaxes destinadas ao ensino do alumnado do pintor pero o período máis frutífero da súa obra foi o que comprende desde o seu traslado a Nova York en 1956, ata a súa volta a Madrid, en 1985. Volveu a España no 1985 e instalouse en Madrid ata o seu falecemento en 2007.