O Pacto polo Rural terá o saneamento, a auga potable e o transporte como prioridades

Os partidos políticos con representación no Concello e Ferusa, que representa a 21 parroquias de Santiago, asinan hoxe o documento

Fochanca nunha pista da parroquia de Marantes, paralela á N-550. O acondicionamento de carreteras é unha das peticións do Pacto polo Rural / | A.HERNÁNDEZ

Fochanca nunha pista da parroquia de Marantes, paralela á N-550. O acondicionamento de carreteras é unha das peticións do Pacto polo Rural / | A.HERNÁNDEZ / lorena rey

O Pacto polo Rural, elaborado pola Federación de Asociacións do Rural de Santiago (Ferusa), aprobado no pleno do día 21 de decembro de 2022 por unanimidade de todos os grupos municipais co obxectivo de dotar ao rural dos servizos básicos será firmado hoxe para seguir dando pasos.

“A zona rural de Santiago é moi extensa. Ten 190 kilómetros cadrados, unha poboación duns 15.000 habitantes, 21 parroquias e 215 núcleos. Fai moitos anos que vimos reivindicando que houbera asignacións económicas directas para o rural para garantizar que se fora procesando na dotación de servizos pero non o dabamos conseguido”, conta en conversación con EL CORREO Cruz Vázquez, presidenta de Ferusa que reúne ás asociacións das 21 parroquias compostelás. Despois de moitos borradores feitos dende o 2016 conseguiron ter un documento “no que tratamos de incluír as urxencias de atención se ben é mellorable”.

As prioridades agrúpanse en sete bloques temáticos: servizos básicos; planeamento; mobilidade; desenvolvemento sostible; medioambiente; cultura, ocio e benestar e información, comunicación e participación. Dentro das mesmas inclúense un total de 36 accións.

O Pacto, programado para o periodo 2023-2030, ten o obxectivo principal de que mellore a situación do rural. “Ten a finalidade de que non estea limitado por mandatos concretos, é dicir, que independientemente do partido que goberne exista o compromiso de cumprir con este Pacto”, comenta Cruz.

Dotar ao rural de auga potable e de saneamento son as dúas primeiras prioridades, poñendo por diante de todo as zonas que sufriron a seca nos últimos tres anos. Neste punto, a presidenta de Ferusa asegura que a zona norte (que abarca a contorna da Nacional 550, parroquias que formaban o antigo concello de Enfesta como son Busto, Berdía, Enfesta, Marantes ou A Peregrina) está peor dotada que a zona sur (Roxos, Villestro e Figueiras, entre outras), un aspecto que “tamén queremos que se corrixan”. Neste punto, Vázquez sinala que hai catro parroquias, das que non quixo citar o nome, que carecen dos servizos básicos de auga e saneamento. Nesa zona norte o uso do territorio é agrícola con poboación máis maior e na zona sur o uso é máis residencial. Ao respecto, teñen como obxectivo minimizar a fenda territorial tendo en conta que “nun período controlado de dez anos a zona sur medrou en poboación pero a norte diminuíu”.

Tamén preocupa o transporte público. “Hai parroquias que non teñen ningún servizo, e outras que o teñen cunha frecuencia mínima e que non atende as necesidades reais. Non pretendemos autobuses grandes baleiros dando voltas polo rural, senón que sexa un servizo que se establezca dacordo coas necesidades e dende Ferusa poñémonos á disposición dos programadores para aportarlle opinións e ideas en canto ao que sería necesario”, dixo sobre esta prioridade. A conservación e mantemento de viais do rural e a conexión a Internet son outras das necesidades incluídas na lista.

Con todo, hoxe a partir das 12.00 horas, no Auditorio de Galicia, celebrarase un acto lúdico, festivo e reivindicativo que ten como acto central a firma do Pacto por parte dos portavoces dos partidos con representación institucional e de Ferusa “para que se quede ben asegurado e realmente se cumpla”. A maiores, para o seu seguimento, segundo destacou Cruz Vázquez, vaise crear un Consello de Medio Rural formado por representantes políticos de todos os grupos municipais e asociacións de veciños do rural compostelán.

“Estamos contentos de lograr chegar a un documento que plasme estas necesidades pero tamén é importante reivindicar o valor do rural e a necesidade de que se teña máis en conta para que poida medrar”, aportou.

Os Xenerais do Ulla darán paso á parte máis lúdica e reivindicativa da xornada. A posteriori haberá unha ablorada co grupo Argalleiros “que terán de fondo un bucle de fotografías do rural para transmitir que esto é o inicio e non o final e imos emplear todas as nosas forzas para que se cumpla o Pacto”. Tamén actuarán as 13 avoas de Sabugueira que presentarán a súa aportación a este acto e peza conxunta de Pena Maior de Marrozos. Está dirixido pola actriz Isabel Risco.

Tras a actuación de Argalleiros chegará a Novena polo medio ambiente, rezada pola Plataforma de Miramontes, a cargo da asociación A Pedra que Fala, de Fecha. A agrupación Pena Maior, de Marrozos, poñerá a nota musical e contarase coa actuación das avoas de Sabugueira. O acto pecharase cunha degustación gratuíta de pinchos na propia cafetería do Auditorio de Galicia.

O Pacto do Rural ten como principios inspiradores o equilibrio territorial, a sostibilidade económica e a transmisibilidade “no sentido de que todas as concellarías deben participar no desenvolvemento do rural e non só a propia concellería de Medio Rural”.

Cruz Vázquez, en representación das asociacións das parroquias rurais de Santiago, asegura que loitarán por ter sempre unha participación activa e con capacidade de codecisión.