Verea reafirma o seu compromiso co rural

Unha das primeiras medidas que tomaremos se chegamos ao goberno será a de aumentar os medios coa adquisición de máis tractores e a creación dunha Brigada do Rural para mantemento e limpeza”

Borja Verea na visita a Busto

Borja Verea na visita a Busto / ECG

Redacción

Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, reafirmou o seu compromiso polo rural nunha visita á parroquia máis esquecida do concello, Busto.

O día no que se firma o pacto polo rural tras 4 anos sen terse feito nada, Verea deixa claro que “levo 3 anos comprometido co rural e seguirei na mesma liña a partir de maio gobernando Compostela”.

Santiago é un concello cunha ampla extension rural e precisa dun gran mantemento. Así, sinalou Verea, “é importante manter os nosos camiños libres de maleza e planificar desbroces periódicos en todas as parroquias para axilizar estes procesos”

“Os veciños do rural pagan os seus impostos e merecen ter as súas parroquias nunhas condicións dignas, así unha das primeiras medidas que tomaremos se chegamos ao goberno será a de aumentar os medios coa adquisición de máis tractores e a creación dunha Brigada do Rural para mantemento e limpeza”, anunciou Verea.

E é que “estamos a falar dunha demanda recorrente nas diferentes parroquias do rural”, destacou o tamén deputado autonómico, “alá onde imos a maleza invade as cunetas, os camiños de terra municipais, e supón un grave risco na prevención de incendios”, de aí que para Verea sexa urxente revertir esta situación.

Verea anunciou ademais que creará unha Oficina de Tramitación para o Rural, que buscará sacar adiante a “eterna burocracia” coa que se atopan todos os días os veciños das parroquias e que impide a modernización do rural.

O candidato á Acaldía lamentou que 4 anos máis tarde de terse comprometido o pacto polo rural, o PSOE non teña feito nada, “o noso pacto será todos os días durante os próximos 4 anos”, afirmou.

O líder popular leva máis de dous anos percorrendo todo o rural de Santiago e amosando a súa preocupación por este territorio e os seus veciños. Así nas súas propostas para eles están levar o abastecemento de agua a onde o Partido Socialista non foi quen durante os últimos 40 anos, a mellora da sinalética, establecer unhas liñas de autobus que cubran as súas necesidades, dotalos de parques infantís modernos e mellorar o saneamento e os firmes das estradas en peor estado.