O goberno local dará luz verde ao Consello de Medio Rural ao longo do mes de marzo

Actuará como órgano de control do documento que velará polas parroquias con máis desigualdades // A fibra óptica chegará a máis de 200 núcleos, segundo anunciou Bugallo

Asistentes ao acto no que se firmou o Pacto polo Rural, onte no Auditorio de Galicia / antonio hernández

Asistentes ao acto no que se firmou o Pacto polo Rural, onte no Auditorio de Galicia / antonio hernández / lorena rey

Despois de meses de borradores e reunións, o Auditorio de Galicia acolleu onte o acto solemne da firma do Pacto polo Rural organizado pola Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa). O alcalde e os voceiros/as dos grupos que constitúen a corporación asinaron o documento comprometéndose a eliminar desigualdades entre o urbano e o rural e traballar para equipar o rural compostelán de servizos e mellores infraestruturas.

A presidenta de Ferusa, Cruz Vázquez, destacou que este acordo é o “primeiro chanzo” dun proceso longo, pero recoñeceu o “mérito que ten chegar ata aquí” cun traballo que “é froito dun esforzo colectivo e prolongado no tempo”.

O alcalde recoñeceu o traballo das entidades e asociacións do rural para construír este documento que “é unha folla de ruta de oito anos”. Aproveitou a súa intervención para adiantar que na xunta de goberno local de mañá está previsto darlle luz verde á creación do Consello de Medio Rural co obxectivo de que se someta a aprobación plenaria neste mes de marzo. Este “é o órgano que acordamos para o control, supervisión e seguimento do documento que hoxe suscribimos”, explicou o alcalde que recoñeciu as “oportunidades e o capital absolutamente extraordinarios” do rural compostelán pero tamén os “retos” que supoñen a súa amplitude.

Sánchez Bugallo anunciou, ademais, que na senda de dotar de servizos o rural na procura de oportunidades de investimento e de negocio “antes do 31 de decembro os máis de 200 núcleos rurais de Santiago contarán xa con acceso á fibra óptica”. Explicou o alcalde que arredor de 140 dos núcleos xa teñen acceso á fibra óptica, e para o resto xa está en marcha o proceso “para que esta conexión coa alta velocidade facilite o asentamento de empresas e o impulso empresarial”.

Reaccións do Pacto polo Rura

A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, cualificou como “un día de celebración” a sinatura do Pacto polo rural. O BNG aposta por un rural produtivo, con facilidades para vivir unha vida digna e servizos públicos de calidade, segundo un comunicado.

Na súa intervención no acto indicou que “só con nomear os 90 núcleos rurais que carecen de servizo de abastecemento e/ou de saneamento é suficiente para comprobar a marxinación do rural, mais poderiamos falar das dificultades para vivir, ter transporte colectivo, seguranza viaria, boa iluminación ou para poñer un negocio que dinamice a contorna”.

Por outra banda, Borja Verea, candidato do PP á alcaldía de Santiago, reafirmou o seu compromiso polo rural nunha visita “á parroquia máis esquecida do concello, Busto”, no día no que se firmou o Pacto polo Rural. Falando sobre o mantemento da cidade sinalou que “é importante manter os nosos camiños libres de maleza e planificar desbroces periódicos en todas as parroquias para axilizar estes procesos”.

“Os veciños do rural pagan os seus impostos e merecen ter as súas parroquias nunhas condicións dignas, así unha das primeiras medidas que tomaremos se chegamos ao goberno será a de aumentar os medios coa adquisición de máis tractores e a creación dunha Brigada do Rural para mantemento e limpeza”, anunciou Verea.