As medidas de aforro enerxético permiten á USC pechar o exercicio 2022 con superávit

Entre setembro e xaneiro reduciu en máis dun millón de euros o gasto en electricidade e gas // Dende a institución compostelá apostan pola instalación de paneis fotovoltaicos e a substitución inmediata das caldeiras de gasóleo en Química, Física e Dereito

Placas solares no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), situado no Campus Vida da Universidade de Santiago / usc

Placas solares no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), situado no Campus Vida da Universidade de Santiago / usc / JACOBO TÁBOAS

A Universidade de Santiago (USC) xa dispón do informe de avaliación do impacto das medidas de aforro enerxético desenvolvidas na campaña de inverno, que reflicte que entre setembro e xaneiro de 2023 gastaron 1.081.898,45 euros menos. Con respecto ao orzamentado en agosto de 2022, o detalle dos datos amosan un aforro en electricidade de 748.186,91 euros, mentres que no capítulo relativo ao consumo de gas, o gasto baixou en 333.711,54 €. Este millón de euros permitirá a USC pechar o exercicio económico de 2022 cun superávit de 530.000 €, e evitar así ser penalizado por incorrer en déficit orzamentario.

O pasado mes de setembro, no marco do Plan de Estratexia Enerxética, a Universidade compostelá puxo en marcha as primeiras medidas extraordinarias dirixidas ao aforro e mellora da eficiencia en materia enerxética nas infraestruturas da institución académica. Entre as accións que se desenvolveron atópanse a instalación ou mantemento de contadores en todos os edificios para poder medir o consumo real da dotación, a redución do alumeado ambiental ou ornamental, e o uso eficiente e responsable tanto da iluminación interior como dos equipamentos informáticos. As medidas de racionalización abarcaron tamén o uso dos equipos de climatización e calefacción. Ademais, procedeuse ao peche dos edificios administrativos na quenda de tarde, con apagado de iluminación interior, calefacción e refrixeración non esencial para o funcionamento da dotación; así como á racionalización dos horarios de apertura dos edificios en función da súa intensidade de uso, dando paso á reorganización da actividade cando foi posible.

Entre setembro de 2022 e xaneiro de 2023, debido ao aumento dos prezos do gas, a USC gastou 814.754,46 euros, en lugar dos 470.582,54 € que destinou en 2019, o último ano no que existen datos non afectados polos confinamentos provocados pola pandemia. Así pois, tal e como consta na avaliación do impacto das medidas de aforro enerxético na campaña de inverno, o incremento foi de algo menos do 100 % en lugar do 357% previsto na actualización de prezos da Rede de Enerxía da Xunta (Redexga).

No caso do mes de xaneiro de 2023, o custo de subministro de gas foi de 335.960,26 € fronte a 360.379,25 en 2019, “a pesar de que se subsituiron cinco grandes caldeiras de gasóleo por outras tantas de gas e que o prezo do gas en xaneiro de 2022 era algo superior, aínda que moito menos do previsto, ao de 2019, o que demostra a eficacia do peche de Nadal e do control de temperaturas nun mes onde as circunstancias metereolóxicas foron adversas”, explican dende a USC. “Así pois”, engaden, “reduciuse o consumo de gas en termos absolutos e reduciouse substancialmente o incremento previsto no gasto. Ademais da evolución das temperaturas e dos prezos, pódese atribuir o éxito ás medidas de aforro”.

Así mesmo, sinalan que o consumo de electricidade ao longo do ano é moito máis estable que o do gas e non varía tanto coa ocupación dos edificios. “Aínda así a redución de consumo no periodo foi do 12,5 por cento”, destacan.

En termos absolutos, con respecto ás previsións orzamentadas a raíz da petición de actualización de prezos da Redexga, o gasto real da USC entre setembro e xaneiro en electricidade ascendeu a 1.242.406,09 euros; e foi de 814.754,46 € en gas.

Na liña de aposta polo aforro enerxético, entre as medidas a medio prazo que se van poñer en marcha na USC destaca a instalación de paneis fotovoltaicos nunha serie de edificios, como o Centro de Biomedicina Experimental (Cebega), Matemáticas/Bioloxía; Concepción Arenal, Física, Ciencias da Comunicación, Biblioteca Intercentros ou a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Ademais, estanse a elaborar proxectos para a introdución de xeotermia nalgúns edificios do casco histórico, de biomasa en dous centros do Campus Sur e avaliando a substitución inmediata das caldeiras de gasóleo nos últimos centros importantes que quedan con ese combustible: Química, Física e Dereito.

O Plan de Estratexia Enerxética da USC ten como obxectivo “racionalizar a xestión da enerxía na procura de acadar un consumo e unha utilización dos recursos o máis eficiente posible para atallar o gasto neste eido”. Permitirá, ademais, contribuír á descarbonización, reducindo as emisións de CO2; apostar polas enerxías renovables e a promoción do autoconsumo de enerxía; así como racionalizar o uso das infraestruturas a través de medidas a curto, medio e longo prazo. Dende a USC explican que as accións en marcha constitúen “unha necesidade”e neste senso recoñecen “o esforzo colectivo da comunidade universitaria para así manter as políticas fundamentais da institución”.

En materia de investimento vinculado ao conxunto de medidas de aforro, a USC destina a curto prazo 1,5 millóns de euros, dos cales, 800.000 irán a instalacións fotovoltaicas; 200.000, a medición e control; e 500.000 a sectorización de instalacións e automatización. De xeito bianual, investirase un millón de euros en instalacións de coxeneración e fotovoltaicas; e ata 2026, a cifra ascenderá ata oito millóns de euros para o desenvolvemento de centros de biomasa. Prevese tamén unha constante anual de 500.000 € para a mellora de infraestruturas.