Teresa Andión, ouro na Olimpíada de Química: “Descoñecía o nivel que habería pero non esperaba gañar”

A alumna do IES Rosalía de Castro acudirá á fase nacional, do 21 ao 23 de abril en Valencia // O seu obxectivo é desfrutar da experiencia

Teresa Andión Mosquera, alumna de segundo de bacharelato do IES Rosalía de Castro / cedida

Teresa Andión Mosquera, alumna de segundo de bacharelato do IES Rosalía de Castro / cedida / lorena rey

A compostelá Teresa Andión Mosquera, alumna de segundo curso de Bacharelato no IES Rosalía de Castro, foi nomeada mellor alumna da demarcación da Universidade de Santiago (USC) na XL Olimpiada Galega de Química celebrada o pasado 10 de marzo, na que participaron 128 alumnos e alumnas procedentes de 38 centros educativos de toda Galicia.

Teresa xa coñecía a existencia desta convocatoria dende fai anos e na que participa o seu instituto habitualmente. Nun primeiro momento apuntárase á Olimpíada de Física por suxerancia da súa profesora, aínda que finalmente rematou inscribíndose na de Química. “Foi todo moi apresurado, inscribinme unha semana antes das probas e había outros cinco compañeiros/as que xa comezaran a traballar”, conta a este medio Teresa Andión. Nese tempo tivo varias xuntanzas coa súa profesora Dores Casal para preparar a materia correspondente á última avaliación de segundo de bacharelato. “O resto tíñao fresco tendo en conta ademais que no Rosalía hai un nivel moi alto”. Asegura que a pesar de que todos os días lle deu un repaso aos seus apuntes, foron poucas horas en total “porque non tiña expectativas ningunhas”.

Tivo que afrontarase a dous exames na Facultade de Química da USC. O primeiro consistiu nun cuestionario tipo test con vinte preguntas onde se combinaba todo o temario de primeiro e segundo de Bacharelato, dunha hora aproximada de duración, e despois unha proba práctica de problemas e un suposto práctico. “Pareceume difícil e o principal problema foi o tempo”, asegura. Esto fixo que non poidera completar todas as cuestións, algo “que supoño que tamén lle sucedeu ao resto”. A pesar de que foi capaz de responder á maioría das cuestións, rematou os exames coa incerteza do resultado que podería obter porque “descoñecía o nivel que habería”.

O venres pasado recibiu un correo electrónico no que se lle comunicaba a súa posición na Olimpíada aínda que de primeiras non o viu porque estaba en clase. Foi a súa propia profesora a que llo comunicou no recreo, algo que non esperaba. “Ela quere manterse ao marxe pero ten moito mérito”, di.

Agora acudirá á XXXVI Olimpiada Española de Química, que este ano terá como sede a Universidade de Valencia, do 21 ao 23 de abril, ao igual que o farán os tres mellores de cada demarcación (Santiago, A Coruña y Vigo). “As probas serán semellantes pero de momento non teño moita información sobre as mesmas”, comenta. De cara a esta fase o seu obxectivo “é disfrutar da experiencia” porque “co logrado xa me dou por satisfeita”.

Con todo recomenda que calquera estudante interesado en participar nalgunha Olimpíada o faga “sempre que non se vexan agobiados” e tendo en conta que “non se perde nada, todo o contrario”. Neste punto destaca que é fundamental os “contidos que se dan no instituto”.

Polo momento non sabe o camiño que elixirá despois de facer a Selectividade. Química, Bioloxía ou Ciencias da Saúde son as opcións que ten agora en mente. “Vou esperar á EBAU e ver a nota que obteño para non presionarme”, asegura.

Os seis gañadores en Santiago

O segundo posto na Olimpíada foi para Carmen Muñíz García, do Colexio Manuel Peleteiro. Candela Rivas Cabañas, do Colexio Fingoi de Lugo, situouse no terceiro lugar. Os alumnos do Peleteiro Julio Leal Laíño e Alejandra Ares Rivas obtiveron o cuarto e sexto posto no ranking dos mellores na demarcación da Universidade de Santiago de Compostela. O quinto posto foi para Álvaro Torres Gallegos, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro.

A XL Olimpíada Galega de Química rendiu homenaxe á profesora María Inmaculada Paz Andrade, química e catedrática de Física Aplicada da USC que introduciu o estudio da Microcalorimetría en España.