Cerca da metade dos universitarios padeceron algún trastorno de ansiedade tralo final da pandemia

A USC, pioneira en Galicia, puxo en marcha unha unidade de atención psicolóxica á comunidade educativa no ano 2021

Un grupo de universitarios composteláns durante unha clase / Antonio Hernández

Un grupo de universitarios composteláns durante unha clase / Antonio Hernández / Mateo Garrido

Cerca da metade –o 47,6 %– dos universitarios españois sufriron algún tipo de trastorno ansioso trala pandemia do coronavirus. Ademais, dous de cada dez estudantes encaixarían no perfil de caso clínico dunha depresión. Estos son os datos que reflicte o estudo Problemas y demandas de tratamiento psicológico del alumnado universitario en la pospandemia realizado por investigadores da Universidade de Oviedo e no que participaron 5.221 alumnos de grao, máster e doutoramento de 35 institucións académicas, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela, da que participaron 220 discípulos; e a Universidade de Vigo, con 72 estudantes participantes dun estudo que mostra como a prevalencia dos problemas de saúde mental nos universitarios españois medrou considerablemente trala pandemia.

A nivel académico, os estudantes refiren atoparse desbordados pola carga de traballo existente, o que á súa vez eleva os seus niveis de estrés. Un 70 % do alumnado de primeiro curso de grao sinala atoparse entre moderadamente e moi sobrecargado e o nivel de afectación aumenta a medida que se vai promocionando de curso. Nun nivel comparativo, é na rama de Ciencias da Saúde onde se percibe unha maior sensación de exceso de tarefas entre os seus estudantes, mentras que nas de Ciencias Sociais e na de Artes e Humanidades é algo máis reducida.

Ademais, a COVID supuxo un freo para as aspiracións laborais do estudantado universitario e máis do 50 % dos participantes no estudo sinalan que as súas expectativas no eido profesional se deterioraran. Unha situación que xera unha inevitable incerteza entre a comunidade estudantil na que a percepción de incapacidade para afrontar o futuro ten medrado considerablemente.

Dificultade para abordar os seus problemas

Todos os profesionais sinalan que á hora de abordar unha cuestión de saúde mental o primeiro paso, e o máis importante, é falalo coas persoas máis cercanas. Porén, máis do 60 % dos participantes na investigación refire ter dificultades para contar os seus problemas aos seus achegados e pedirlles axuda en relación aos mesmos.

Non obstante, case sete de cada dez mozos estarían dispostos a recibir axuda psicolóxica, fundamentalmente debido ao desasosego que lles produce a finalización dos seus estudos e a entrada no mercado laboral.

A USC, pioneira en Galicia

O apartado de conclusións do estudo realizado polos investigadores ovetenses reza que “a prevención e tratamento dos problemas psicolóxicos dos estudantes non poden resultar alleos ás preocupacións e competencias das universidades”, máis aínda cando o efecto terapéutico da asistencia psicolóxica identifícase como un factor protector do abandono académico e promotor do rendemento e a calidade de vida.

A USC, consciente de que o confinamento e a perda dos hábitos tanto académicos como sociais podía ter feito mella na saúde mental dos seus estudantes, puxo en marcha en maio de 2021 unha unidade de atención psicolóxica á comunidade universitaria que a finais do pasado mes xa tiña realizado máis de 1.300 sesións de terapia.

Ana López Durán, profesora de Psicoloxía Clínica, é a responsable desta unidade cuxa existencia simboliza “a importancia que ten para a USC poder atender o benestar psicolóxico dos seus estudantes”.

A profesional da saúde sinala que “a universitaria sempre foi unha etapa complexa en si porque implica un abandono da rede familiar e unha saída da zona de confort”, con todo atopámonos como sociedade nun proceso de cambios vertixinosos que xeran “moitísima incerteza” entre a mocidade. Ademais, os efectos colaterais da pandemia tiveron unha impronta maior neste grupo de idade. “As restriccións do contacto social a eles afectoulles moitísimo máis, xa que nesta etapa as relacións presentan unha importancia máxima debido a que é o momento no que empezas a establecer vínculos que van a estar aí o resto da túa vida. Entón non é o mesmo ter estas restricións sociais con vinte anos que con cincuenta”, apunta López Durán.

Falta de psicólogos clínicos no sistema público de saúde

Moitos dos alumnos que teñen acudido á unidade de atención psicolóxica posta en marcha pola USC relatan dificultades para acceder ás sesións terapéuticas que precisan no sistema público de saúde como o atoparse nunha lista de espera para ser atendidos ou as reducidas frecuencias coa que se dan as citas.

“Na rede pública temos moi bos especialistas en psicoloxía clínica na nosa comunidade; o problema é que son moi poucos. Temos unha ratio que é moi baixa”, sinala a profesora da USC. Unha insuficiencia de medios que xera “que dende que se pide a cita en atención primaria ata ser atendidos nestas unidades haxa unha demora que é moi importante”.

Esta problemática ten unha consecuencia perigosa e da que se ven tempo alertando como é a psiquiatrización temperá de cuestións que deberían ser atendidas mediante a terapia psicolóxica. Segundo os datos do barómetro de FAD Juventud e Mutua Madrileña publicado no ano 2021, o 25 % dos mozos entre 15 e 29 anos consumiran psicofármacos no último ano.

“É unha problemática que estamos a percibir os profesionais dende hai moitisimos anos, e claro que tamén a notamos na unidade”, apunta a súa responsable, que explica a situación do seguinte xeito: “A poboación acude á atención primaria e non están a ser cubertos por un profesional da psicoloxía clínica, como ten que ser, senón que se está a incrementar cada vez máis a prescripción de psicofármacos. De feito estamos a ver que España está á cabeza a nivel mundial no consumo de benzodiazepinas”.

Un dispendio que “non soluciona os problemas que están a xerar a sintomatoloxía”, senón que únicamente os “amortigua”. Enquistando o malestar sen atacar á súa raíz.