Emilio Lavandeira, o fillo adoptivo que retratou Santiago

Autorretrato de Emilio Lavandeira Prieto, á súa chegada a Madrid

Autorretrato de Emilio Lavandeira Prieto, á súa chegada a Madrid / Foto: cedida

Redacción

Emilio Lavandeira Prieto (Ortigueira, 1934 - Santiago de Compostela, 2021), fotoperiodista da axencia EFE que ía para xesuíta e o deixou, empezou avogacía por imitación familiar, e tamén o abandonou para ser retratista, debuxante ou escritor.

Nomeado fillo adoptivo de Santiago meses antes do seu falecemento, no 2021, este venres entrégaselle o título á familia en Raxoi, nun acto presidido polo alcade Sánchez Bugallo. Entre eles, o seu fillo Emilio (Lavandeira Villar, o junior que seguiu os seus pasos).

Emilio chegou a Santiago con oito anos. Sendo un adolescente, tivo clara a súa vocación e deixou o Dereito pola fotografía baixo ameaza de emigrar a Venezuela se non llo consentían. Ante tal disxuntiva, a súa nai entregoulle 56.000 pesetas das daquela, coas que mercou unha cámara en Casa Gama, na Coruña, onde traballaba o fotógrafo Manuel Ferrol, que tan ben retratou a emigración galega a América.

O seu primeiro estudo abriuno no número 22 da compostelá rúa Doutor Teixeiro, colaborando en diversas publicaciones, como a revista Blanco y Negro, o diario Arriba, Nuevo Diario, La Noche ou El Correo Gallego. Aos seus corenta anos, quixo estudar Xornalismo e trasladouse a Madrid onde se incorporou a EFE. En 1979 regresou á capital galega para formar parte da delegación desa axencia.

O seu sentido do humor valeulle grandes amizades. Nas súas libretas, mentres paseaba por Santiago, apuntaba infinidade de ocorrencias e curiosidades. Entre taza e taza, vía pasar sacerdotes, coas súas sotanas, e lanzouse ás caricaturas de acuarela: a serie Los Curas é moi celebrada. Tamén se animou coa música, como percusionista da banda Casbah fundada cos irmáns Cuervo, Arán Trillo e Johny Rosario. Fóra xa do conxunto por obrigas laborais, Lavandeira seguiu contribuíndo ao desenvolvemento da música xuvenil de Compostela, prestando apoio e colaboración a numerosas formacións como Los Tesseo’s, Los Ritmen, Jazz-6 o Los Lasos, ou participando activamente na homenaxe aos falecidos no accidente da orquestra Compostela en 1962.

Era, ademais, un ávido lector, cunha colección de máis de tres mil libros, e el mesmo se dedicou a escribir. Publicou La Carrilana. Manual para andar a pie por el mundo, con ilustracións de Laxeiro, e ¡Al pan, pan...! Consejos para la mochila, con 528 ocorrentes aforismos que o dramaturgo Euloxio Ruibal bautizou como “emiliorismos”. “Nunca verás un hombre inteligente que sea idiota del todo” ou “ser ateo es relativamente fácil, teniendo salud, claro” son dous deles.

Fundou a Asociación Fotográfica Compostelana, recibiu o Premio Galicia de Comunicación en 1998 e no 2010 o recoñecemento Una Vida en Imágenes, da Fundación Caixa Galicia, en colaboración coa Asociación da Prensa da Coruña. Desde 2019 era Membro de Honra do Casino de Santiago polo seu compromiso coa cidade.