O Partido Popular denuncia que Raxoi adxudicou “a dedo” 1,4 millones no alugueiro de autobuses

A operación levouse a cabo hai un par de meses, e segundo entende o Partido Popular, sen respectar a Lei de Contratos, que obrigaría a realizar unha licitación pública, posto que o uso de tal cantidade de fondos públicos precisa dunha licitación e sempre a súa fiscalización previa

Ramón Quiroga en rolda de prensa

Ramón Quiroga en rolda de prensa / Concello de Santiago

Redacción

O Partido Popular, a través do vicevoceiro, Ramón Quiroga, denunciou hoxe en rolda de prensa que o Goberno socialista adxudicou “a dedo” un gasto que podería chegar a preto de 1,4 millóns de euros no alugueiro de autobuses, cando aínda non se levou acabo a licitación e adxudicación do novo contrato do transporte público urbano de viaxeiros, que o Grupo de Goberno xa tiña que ter resolto.

Ramón Quiroga subliñou que o Goberno socialista segue destacando pola “súa falta de transparencia, característica que está a protagonizar os seus catro anos de mandato”, exemplo disto é que, neste momento, “descoñecemos o motivo polo que non incorpora os informes de intervención na contratación do alugueiro dos autobuses realizada hai uns meses e tampouco aclara canto tempo estima que se manterá aínda a situación de precariedade e o gasto extraordinario no transporte público”, incidiu o Popular.

Quiroga Limia remarcou a situación do contrato de transporte público en Santiago, que só se pode definir como “caótica, en descontrol e impropia da capital de Galicia”, a pesar de que se trata dun servizo básico para a veciñanza, polo que boa parte dos esforzos municipais deberían estar concentrados dende o inicio do mandato en dotar a Santiago dun transporte público en condicións o que, neste caso, pasa pola renovación da flota de autobuses, cun único responsable, o equipo de Goberno.

“O Goberno socialista amosa, unha vez máis, a súa incapacidade, posto que, segundo os informes oficiais aos que tivo acceso o Partido Popular, o Goberno Bugallo adxudicou sen control un uso público de fondos municipais que poderían chegar a preto de 1,4 millóns de euros, sen ningún informe da intervención do Concello que o autorice, polo que pode considerarse un uso inadecuado dos impostos que pagamos todos, co fin de alugar once autobuses ata que se adxudique o novo contrato, que polas propias declaracións do alcalde pode tardar ata de dous anos”, agregou.

Na súa intervención, o vicevoceiro Popular explicou que a falta de renovación no seu momento e a inoperancia do Goberno socialista trae como consecuencia que o Grupo Goberno tivera que aceptar e financiar a proposta de renovación mediante alugueiro de 11 vehículos proposta polas operadoras, cun prezo de 5.165 euros/mes para 9 unidades e 150 euros/día para as 2 restantes. Unha contratación que chegaría ata a acta de inicio do novo servizo cando se adxudique, o que, segundo declaracións do alcalde poden chegar a dous anos, sen ningún informe da Intervención. Así, o custe que se pode calcular destes alugueiros pode chegar a case 1,4 millóns de euros, aos que haberá que sumar liquidacións pendentes, polo que o gasto é moi probable que supere dita cifra.

Ramón Quiroga engadiu que esta operación levouse a cabo hai un par de meses e, entende, sen respectar a Lei de Contratos que obriga a realizar unha licitación pública, posto que o uso de tal cantidade de fondos públicos precisa sempre a súa fiscalización previa, posto que é necesario coñecer se existe crédito no orzamento para pagar despois as facturas e, segundo, para evitar que se poida contratar gastos que teñen que licitarse publicamente e que deben favorecer a libre competencia.

Antecedentes

O expediente de contratación da xestión do servizo de transporte colectivo urbano leva cinco anos desde o inicio da súa tramitación sen que ata o momento teñamos constancia de cando pode ser licitado, adxudicado e posto en servizo, a pesar da absoluta precariedade na que se vén desenvolvendo este servizo esencial desde o remate do vello contrato en 2017.

A falta de renovación da frota estaba pendente desde 2015, cando correspondía o cambio de 11 autobuses conforme ao disposto no “plan de renovación do material móbil que se recollía no contrato, un procedemento que xa fora iniciado en abril de 2015, cun orzamento de 3,6 millóns de euros cando Gobernaba o Partido Popular, e que non obstante despois os sucesivos Gobernos non materializaron.

O Goberno socialista xustifica a súa neglixencia pola demora na resolución deste procedemento na pandemia, pero a realidade deixa claro que o COVID 19 non pode poñerse como desculpa, porque o procedemento iniciouse dous anos antes da súa declaración e, ademais, outras cidades españolas como: Tudela, Miranda de Ebro, Calahorra, Vila Real, Ponferrada ou Xaén, adxudicaron ao longo dos anos 2020-2022 os seus servizos municipais de transporte.

Á vista da incerteza da situación e da falta de información sobre as xestión realizadas, máis alá do envío e da espera do preceptivo informe da Oficina Nacional de Evaluación (ONE) dependente do Ministerio de Facenda, que deberá validar o estudio económico, o Partido Popular pedirá explicacións ao Goberno socialista sobre esta situación no vindeiro Pleno ordinario.