Un estudo do Cretus detecta que o caucho reciclado pode ser unha fonte de contaminación ambiental

Avalía que o aire e auga lindeiros poden verse afectados aínda que non se excedan os límites legais // Recibiu a mención cum laude

O químico Daniel Armada no seu laboratorio do Cretus / usc

O químico Daniel Armada no seu laboratorio do Cretus / usc / lorena rey

O contido químico dos pneumáticos triturados e reutilizados en superficies como son os campos de fútbol artificiais ou os parques infantís é unha fonte de contaminación ambiental. Esta é principal conclusión á que chegou o químico Daniel Armada Álvarez na súa tese de doutoramento desenvolvida no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus).

En concreto, o investigador detectou que algunhas das mostras de caucho reciclado analizadas excedían os límites legais marcados pola Unión Europea. Para o granulado de caucho empregado en campos de fútbol de céspede artificial e en lousetas de parques existe un límite legal no que se restrinxe a concentración de oito hidrocarburos policíclicos aromáticos (PAHs), e outro límite para materiais plastificados, entre os que se inclúe o caucho, nos que se acouta a concentración de catro plastificantes que poden ocasionar riscos para a saúde e o medio ambiente, segundo explican dende a Universidade. Dúas superficies do total das 58 analizadas da Unión Europea superaron os límites legais establecidos, unha no relativo aos PAHs en Suecia e outra que superou o límite para plastificantes en Italia. O resto de irregularidades detectadas situábanse fóra do marco comunitario e, polo tanto, non están suxeitas á súa lexislación. Do total de mostras analizadas, un 4 % superou o límite para PAHs e outro catro por cento excedeu o límite para plastificantes. En total, estudáronse 78 mostras de granulado de caucho que foi recollido en 17 países.

O estudo tamén abordou a posible contaminación da auga e aire lindeiro con estos materiais. “Obsérvase unha transferencia continuada cara a auga. Tanto as mostras simuladas en laboratorio como as recollidas en campos de fútbol teñen concentracións baixas e non superaron os niveis legais para os compostos estudados en augas”, apunta Daniel Armada. No caso do aire acontece algo similar, “detéctanse unha serie de compostos que en ningún caso superaron os límites legais establecidos”, apunta. A relación demostrouse comparando os perfiles de concentración dos compostos detectados no aire e na auga cos detectados nas mostras de caucho reciclado. A maiores analizáronse lugares próximos para comprobar se o perfil de concentracións variaba ou era o mesmo que no aire enriba do caucho reciclado, demostrándose que a contaminación do aire proviña destes materiais.

Por outra banda, a investigación de bioaccesibilidade revelou a existencia de compostos químicos que se relacionan coa morte prematura de diferentes especies acuáticas. “Os niveis non supoñen un risco elevado para a saúde, pero non implica que non exista”, di en relación coa detección de compostos considerados canceríxenos pola Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas (ECHA).

Os resultados da tese, dirixida polas profesoras María Llompart Vizoso e María Celeiro Montero, foron divulgados en diferentes congresos científicos. Nun deles foi premiada como a contribución en formato póster da aplicación de análise ambiental máis innovadora coa asignación de cualificación de sobresaliente cum laude. A maiores, os resultados deron lugar a seis publicacións en diferentes revistas de alto impacto de química analítica e medio ambiente como Chemosphere ou Science of the Total Environment.