Entrevista | Marta Lois Edila de Compostela Aberta e referente de Sumar en Galicia

“En Podemos hai quen está cómodo pensando o futuro político dentro de Sumar”

A concelleira de Compostela Aberta, Marta Lois

A concelleira de Compostela Aberta, Marta Lois / CA

Marta Lois González (Vigo, 1969) é a cara visible en Galicia de Sumar, o proxecto co que a vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, aspira a unir as forzas políticas á esquerda do PSOE para as próximas eleccións xerais. Nos últimos meses compaxinou o traballo nesta iniciativa co seu cargo de concelleira de Compostela Aberta e coa súa faceta docente na Facultade de Ciencias Políticas da USC. O domingo estará con Díaz en Madrid no acto de lanzamento da súa candidatura.

Que expectativas teñen para o acto do domingo?

É un momento de moita ilusión de moita xente no que Yolanda Díaz se vai presentar para as eleccións estatais. Houbo moitas persoas involucradas nos 35 grupos de traballo de Sumar para construír unha axenda de país para os vindeiros dez anos. É o punto final a un proceso de case un ano e, á vez, o punto de arranque do proxecto de Sumar.

Yolanda Díaz falou de vostede como un “referente” en Galicia. Cal está sendo o seu papel?

Eu levo implicada dende o inicio pola miña estreita relación persoal con Yolanda e, sobre todo, por acompañar un proceso que está nacendo ao calor dun movemento cidadán, que é moi novidoso para deseñar políticas de benestar e ensanchar a democracia. Sobre ese guiño de Yolanda, estou centrada nas eleccións municipais con Compostela Aberta, onde temos unha lista que é un crisol de sensibilidades políticas diversas. É unha boa forma de facer desde o local a idea que ten Sumar. Podemos non coincidir en todo, pero si ter unhas liñas comúns.

Estes días estamos vendo tensións, especialmente con Podemos. Ve posible acadar a unidade?

Como di Yolanda, o importante en política é poder chegar a un punto de encontro. Ela é moi clara e a convocatoria do acto do domingo é para todas esas forzas á esquerda do PSOE. Podemos será quen teña que confirmar ou non se vai asistir. Sumar non busca ruído, confrontación, nin pelexa, senón que está creado desde a diversidade e que está xerando moita ilusión na cidadanía, que é a quen nos debemos cando ocupamos cargos políticos. Agardamos que o domingo se xunte moita xente e moitos grupos políticos.

As relacións non son uniformes con Podemos, xa que os seus referentes en Galicia, o deputado Antón Gómez-Reino e o coordinador Borja San Ramón, asistirán ao acto. Como valora esa discrepancia?

Gómez-Reino xa leva tempo en sintonía co ciclo político de ilusión que supón Sumar. O feito de dar ese apoio dá conta de que dentro de Podemos hai persoas e agrupacións territoriais que se senten cómodas pensando o futuro político dentro de Sumar. Polo tanto, a pelota está no tellado de Podemos. Agardemos que haxa ese espazo común onde sentirnos representadas todas e que Podemos tamén desexe estar.

E outros socios tradicionais deste espazo, como Anova, agardan que tamén se impliquen?

Como no caso de Podemos, tamén teñen que responder eles, pero as miñas relacións e as de Yolanda con Martiño Noriega [portavoz nacional de Anova] son moi boas. Dito isto, el está máis centrado en construír un percorrido de aquí ás eleccións galegas. Creo que a súa prioridade pasa por non sentirse tan interpelado polo proxecto de Sumar a nivel estatal e entendo que declinan estar nesta fase inicial.

Coas eleccións municipais e autonómicas de maio, é complicado para Sumar manter o equilibrio entre forzas que van competir entre si?

Sumar non é un proxecto que chegue nesta primeira fase a esta cita, pero o domingo hai organizacións políticas que van rivalizar e, ao mesmo tempo, van formar parte deste acto de arranque. Sumar é un espazo para converxer e para estar despois do 28-M. É normal que Sumar se manteña un pouco á marxe desa competición, independentemente de que Yolanda dixo que onde se lle pida que apoie un espazo de suma de forzas políticas, vai estar na medida en que poida.

No pasado as tensións internas entre forzas deste espazo político alonxaron á cidadanía, como no caso de En Marea. Temen que volva ocorrer algo semellante?

Hai que poñer o foco neste proceso, que é moi novidoso e ten moita forza cidadá. A xente síntese moi identificada coa forma de facer política de Yolanda Díaz, que non quere polémicas nin confrontacións porque a cidadanía nin as entende, nin se sinte próxima a elas, senón que xeran unha gran desafección. Dise que a cidadanía está afastada da política, pero a forma de facer política que incide máis na confrontación ou no ruido é a que se afasta da cidadanía. Temos que buscar un horizonte para acordar as liñas máis importantes para facer política útil e que signifique mellorar a vida das maiorías sociais. Sumar nace con esa prioridade e agardamos que haxa un corresponsabilidade colectiva para entendelo así.

A maioría das enquisas para as xerais dan vantaxe ao bloque conservador. Como ve a situación?

Á xente non lle podemos dicir que hai que votar a actual coalición de Goberno ou a unha opción da esquerda para que non goberne o PP con Vox. Hai que situarse nun plano moito máis ambicioso, que é gañar o país. Claro que hai un risco de o PP goberne coa extrema dereita, pero Sumar non pivota nese discurso. Hai moitas persoas neses 35 grupos de traballo que están a construír un relato e un programa para os vindeiros anos que excede unha convocatoria electoral.

En Santiago hai unha candidatura de unidade á esquerda do PSOE en Compostela Aberta. Veremos a Yolanda Díaz facendo campaña aquí?

Hai que ter en conta que é vicepresidenta, pero gustaríanos que puidera vir nalgún momento e Compostela Aberta sabe que se sinte moi próxima porque, como ela di, todo naceu aquí. Ogallá poidamos tela. Afortunadamente, CA ten unha lista de confluencia, fronte a outros lugares onde aínda están vendo se son capaces de atopar a fórmula.

O obxectivo de CA nas municipais é volver ao goberno?

CA vaise consolidar na cidade. Estes foron catro anos perdidos co alcalde Bugallo. O tempo danos a razón con moitas políticas transformadoras que o goberno actual tanto criticou, relativas á redistribución da taxa turística, ás políticas sociais ou á mobilidade. María Rozas foi tenente alcalde, ten moita experiencia na área de Facenda e foi pioneira nos orzamentos participativos. Santiago merece avanzar en políticas vangardistas e transformadoras e queremos xogar un rol estratáxico aí. Non queremos unha reedición de fórmulas do pasado ou que incluso puidera haber un cambio, que non creo que se dea, cara o PP. Estamos convencidas de que CA vai ser fundamental.