A ruta europea de Xardíns Históricos pasa pola Alameda de Santiago

A Alameda de Santiago, o xardín renancentista do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla e os do Pazo de Oca están entre os nove xardíns galegos que entran no itinerario Europeo de Xardíns Históricos // O obxectivo desta ruta europea é protexer e promover o patrimonio común do legado verde e a identidade europea

A Alameda de Santiago, espazo botánico de Europa

Javier Rosende Novo

"Se dispoñemos de pouco tempo, se arredor de nós o mundo vacila e a morte, en todas as súas forzas, avanza, o único que podemos facer é transformar unha parcela de terra, non importa cal, nun lugar acolledor, un lugar que acolla máis vida”. Ese lugar, para o autor desta frase, o bosnio Teodor Ceric, non é outro que un xardín. A el servíronlle de vía escape inspirando a súa fermosa obra Jardines en tiempos de guerra. A guerra en cuestión, a dos Balcáns, foi a última disputada en territorio europeo, antes de que o conflito en Ucraína sacudira de novo o vello continente.

A atracción que espertan estes espazos verdes con fins ornamentais, ten en Santiago un punto de referencia indubidable: a Alameda compostelá, que vén de ser incluída no Itinerario Europeo de Xardíns Históricos. No acto de entrega dos diplomas que certifican a súa adhesión xunto con outros oito xardíns galegos, participou a directora xeral de Turismo, Nava Castro, destacando a importancia da posta en valor do patrimonio natural na promoción do turismo como recursos diferenciador.

Tres xardíns nun

Doada á cidade polo Conde de Altamira a mediados do século XVI, a Alameda tense convertido nunha das postais máis icónicas da cidade. A cualificación de xardín pacego foille dada polo seu papel de área de esparexemento e recreo, sendo lugar de celebración dalgunhas das festas, actos culturais e populares máis concorridos de Santiago, como a Ascensión, o Apóstolo ou a Feira do Libro.

Aínda que o Parque da Alameda recibe o nome xenérico da Alameda, componse de tres partes ben diferenciadas: o paseo da Alameda, a carballeira de Santa Susana e o paseo da Ferradura. A unidade así formada é, desde o século XIX, o máis importante punto de referencia dos paseos e do lecer dos santiagueses. 

Cunha extensión de 85.000 metros cadrados e unha situación privilexiada, cunha espectacular vista da parte máis monumental da zona vella, este singular espazo verde está considerado o principal xardín urbano de Santiago. O seu arco triunfal, que dá acceso ao paseo dos Leóns, a disposición de terrados, fontes e estanques, as súas edificacións decimonónicas, modernistas e actuais, estatuas e esculturas forman parte deste espazo que destaca pola variedade e porte das súas especies arbóreas e ornamentais, como o conxunto de carballos, os espléndidos eucaliptos ou a pérgola con vistas que compoñen os castiñeiros de Indias no paseo da Ferradura. 

O Paseo dos Leóns da Alameda de Santiago

O Paseo dos Leóns da Alameda de Santiago / Turismo de Galicia

Outros dous xardíns históricos na “ruta das camelias”

Ademais da Alameda de Santiago, outros dous xardíns da comarca, incluídos na “ruta das camelias”, entran a formar parte do itinerario europeo. Trátase do espazo botánico do pazo de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, un dos máis fascinantes de Galicia pola súa extraordinaria diversidade e riqueza en flora ornamental, así como polo seu valor botánico e paisaxístico

Entre os elementos máis importantes da propiedade atópanse o conxunto de árbores monumentais que reúne, entre os que cabe destacar os paseos de camelias, olivos e buxos, as xigantescas magnolias, o fieito australiano, os tulipáns de Virxinia, o ombú ou as palmeiras Washingtonia. 

O estanque redondo do pazo de Santa Cruz de Rivadulla

O estanque redondo do pazo de Santa Cruz de Rivadulla / Pazo de Rivadulla

Tamén no val do Ulla, no concello da Estrada, atopamos os xardíns doutro pazo adherido á rede Europea, os alcumados como “Xeneralife do Norte” ou “Versalles Galego” do Pazo de Oca. Adquirida á Coroa en 1586 por María de Neyra, a propiedade pertence na actualidade á Fundación Casa Ducal de Medinaceli

O máis señorial e mellor conservado dos pazos galegos, declarado monumento histórico artístico, está formado por tres elementos principais: a capela, o pazo e os seus fabulosos xardíns que conservan o dobre carácter ornamental e de horta produtiva, mantendo unha perfecta harmonía entre utilidade e beleza. 

Xardíns do Pazo de Oca

Xardíns do Pazo de Oca / José Luis Cernadas (CC BY 2.0)

Xunto con exemplares de gran valor botánicos e plantacións ornamentais que inclúen unha colección de camelias, conviven tamén plantacións comerciais de kiwis, viñedos ou maceiras históricas.

No listado deste Itinerario Cultural Europeo, pertencente ao Consello de Europa e que agrupa 41 espazos botánicos do continente, figuran tamén os dos pazos de Lourizán, Quiñones de León, Rubiáns, Quinteiro da Cruz e o Castelo de Soutomaior.