O Auditorio de Galicia celebra hoxe o Día Mundial do Circo cunha completa variedade de números

Acollerá números de malabares, cancións, números de humor, monólogos, acrobacias e pasos de claqué

Espectáculo de Pistacatro

Espectáculo de Pistacatro / Facebook

Redacción

Compostela considérase unha cidade de circo, numerosos artistas circenses residen na cidade e queren celebrar o seu día facendo unha mostra do mellor do seu traballo cos mellores números dos compañeiros de todo o Estado español. A Gran Gala de Circo de carácter anual, que organiza o Concello en colaboración con Pistacatro, contará cunha completa variedade de números das disciplinas máis sorprendentes e arriscadas. Terá lugar no Auditorio de Galicia, ás 18.30 horas.

A Gran Gala acollerá números de malabares, cancións, números de humor, monólogos, acrobacias e pasos de claqué... Ofrécese así ao público un espectáculo multidisciplinar e variado a cargo dun determinado número de artistas que dan o mellor de si mesmos en pequenas pezas de cinco ou dez minutos.

Todo isto será conducido por Antón Coucheiro, un mestre de cerimonias, que se encargará de fomentar a participación do público asistente, de aportar o ton cómico e de administrar as pequenas doses de arte concentrado.