Preséntanse máis de 70 proxectos para a nova edición da Maker Faire Galicia

Celebrarase do 1 ao 4 de xuño no Museo Gaiás da Cidade da Cultura en formato híbrido

Durante o evento presentarase Laddroller, un híbrido entre un exoesqueleto e unha cadeira de roda

Durante o evento presentarase Laddroller, un híbrido entre un exoesqueleto e unha cadeira de roda / Concello de Santiago

Redacción

A Maker Faire Galicia, que se celebrará do 1 ao 4 de xuño en formato híbrido no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, pechou esta semana a chamada a makers, onde se recibiron máis de setenta proxectos tanto a nivel nacional como internacional. O evento conta co apoio do Concello de Santiago, entre outros organismos.

Ademais desta selección de proxectos, que se dará a coñecer nas próximas semanas na web do evento, a organización comezou a avanzar algúns dos contidos máis destacados. Neles haberá referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos da educación STEAM, a intelixencia artificial, a arte, os videoxogos, a biotecnoloxía, a enerxía, a divulgación científica ou a innovación inclusiva.

A xornada da Industria, que terá lugar o 1 de xuño en horario de mañá e tarde, contará, entre outros, coa presenza de Dimitris Petrotos, arquitecto grego, fundador de Solomon Ears e 3dsGR, inventor da táboa de 11 mm, do Medusa Bungalow e creador de Laddroller, unha cadeira de rodas eléctrica resultante dun híbrido entre un exoesqueleto e unha cadeira de rodas. Ademais de Dimitris, esta xornada completarase con dúas mesas, unha sobre intelixencia artificial e outra sobre biotecnoloxía, e pecharase cun proxecto moi ilusionante no eido da enerxía.