Último logro académico de Irene Armesto: o ouro na Olimpíada Nacional de Física

Estudará o doble grao de Matemáticas e Física na Escola Politécnica de París, en lingua inglesa

A compostelana Irene Armesto, estudante do IES Rosalía de Castro

A compostelana Irene Armesto, estudante do IES Rosalía de Castro / lorena rey

Irene Armesto Méndez, alumna de segundo de Bacharelato Internacional do IES Rosalía de Castro, segue demostrando a súa paixón polos números acadando novos éxitos académicos. Vén de recibir o ouro na Olimpíada Nacional de Física que se celebrou o venres 28 de abril en Lugo. As probas incluían unha parte teórica de catro horas de duración con tres problemas a resolver, e por outra parte, como novidade con respeto á fase galega onde tamén acadara o ouro, desenvolveu unha proba experimental na que tivo que avaliar o cambio de voltaxe nun material ao que se lle daba luz previamente. “Resultoume máis complexo que o realizado na fase galega pero ao rematar os exames quedei contenta co resultado”, dixo a este medio destacando que non fora capaz de rematar todos os apartados da parte teórica. A pesar diso a alumna asegurou que para nada esperaba recibir o ouro. Os premios comunicáronse o domingo, cando os estudantes participantes na Olimpíada estaban en Lugo.

O seguinte reto terao en Tokio do 10 a 17 de xullo, onde participará na competición internacional.

A maiores, neste curso académico conseguiu a medalla de prata na Olimpíada de Matemáticas xunto a outra mención honorífica na Olimpíada Europea Feminina celebrada en Eslovenia do 13 ao 19 de abril. “Foi unha experiencia increíble na que coñecín moitas persoas de distintos países pero que á vez comparten moitas similitudes”, relatou. Afrontouse a dous días de probas con tres problemas a desenvolver por xornada, dunha duración de catro horas e media diarias. “Realmente foi moi complexo”, recalcou. Para Irene a viaxe “xa foi un premio”. O desprazamento implicou que tivera que perder varios exames do curso aínda que “arranxei sin maiores problemas cos profesores para pospoñelos”.

Desde este martes 2 de maio atópase cos últimos exames de Bacharelato Internacional, que concluirán o vindeiro día 17, coincidindo co final de curso.

Irene tiña o desexo de estudar o doble grao de Física e Matemáticas, algo que se converteu nunha realidade. Xa coñece que cursará esta titulación na Escola Politécnica de París. “Faime bastante ilusión porque é unha universidade moi recoñecida e que cada ano é escollida por estudantes de moitos países”, afirmou. Alí estará tres anos cursando a totalidade das materias en inglés.