As mulleres son o 55 % do alumnado do grao en Matemáticas da USC no curso actual

Co obxectivo de detectar nenas e nenos con talento matemático celebrarase este ano a 16ª edición do proxecto Estalmat, onde se seleccionarán 25 estudantes nunha proba en xuño

Acto de clausura da anterior edición de Estalmat Galicia cos participantes e os seus diplomas / Estalmat galicia

Acto de clausura da anterior edición de Estalmat Galicia cos participantes e os seus diplomas / Estalmat galicia / lorena rey

O Proxecto Estalmat-Galicia para Estímulo do Talento Matemático vén de lanzar a convocatoria 2023 da proba de selección dirixida a alumnado nacido nos anos 2010 e 2011 que busca detectar e prestar atención a nenas e nenos con talento matemático. A dezaseis edición do proxecto coincide con que este curso académico se alcanzou o dato máis elevado de mulleres que entraron no grao de Matemáticas da USC. “As mulleres representan o 55 % do alumnado deste título universitario grazas á divulgación que se está facendo”, contou en detalle a este medio a presidenta de Estaltat Galicia e decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón.

En canto a Estalmat, os participantes deberán resolver cinco problemas. “Do que se trata é de que os participantes pasen unha boa mañá facendo a proba e para iso, os problemas teñen unha gradación de dificultade nas preguntas. Os primeiros apartados son máis doados de facer e, segundo se vai avanzando, aumenta o grao de dificultade porque hai que pensar que participan sobre 350 mozos e mozas e temos que seleccionar 25”, apunta Vázquez Cendón. Os cinco problemas serán correxidos por dous membros de Estalmat Galicia, quen non coñecerán a identidade dos mozos e mozas. “Non se trata tanto de que cheguen a unha solución final, senón de que detallen como van razoando polo camiño porque a realidade é que os cinco problemas perfectos non os fai ninguén”, engadeu.

Vázquez Cendón indicou que pode darse o caso de que haxa algún participante que decidira acudir á proba, que este ano será o sábado 3 de xuño, “porque lle gusta moito pasar unha mañá facendo matemáticas”, pero logo non se queira comprometer a participar no programa, o que implica que durante dous cursos acudan ás vinte sesións que serán os sábados. Por ese motivo hai unha lista de reserva de 25 mozos e mozas. En calquera caso, o día da entrevista “queremos confirmar que os rapaces teñen compromiso e lles gustan as matemáticas”.

O proxecto arrancará cun campamento en Cabanas. “Cando lle damos a benvida en setembro queremos que pasen de ser 25 persoas que non se coñecen a formar un equipo xa de estalmateiras e estalmateiros”, detalla. Alí teñen un concurso de fotografía matemática, traballan a unidade didáctica de María Wonenburger, “porque a presenza das mulleres tamén nos parece moi importante”, que xunto Domingo Fontán “son dous matemáticos referentes galegos”. Ao rematar o campamento empezan as xornadas con razoamento e resolución de problemas, matemáticas e cinema, papiroflexia que lles permite ver a trigonometría coas mans, hai temas de mapas, de triptografía, de simulación numérica, etc, que se desenvolverán na Facultade de Matemáticas da USC, dende finais de setembro ata maio do próximo ano.

Para evitar grandes concentracións con motivo da proba e, asemade, facilitar a participación, Estalmat conta coa colaboración de dous centros de Ensino Medio para realizala. En total os espazos habilitados nesta ocasión atópanse no IES Eduardo Blanco Amor en Ourense, no IES Castelao en Vigo, na Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo e na Facultade de Matemáticas da USC.

A responsable do proxecto asegura que esta iniciativa ten resultados positivos. “Xa temos dando clases e facendo a tese a un estalmateiro da primeira promoción, que é Fernando Castro, e xa houbo alumnas que agora son profesoras de ensino medio”, destacou. Ademais, cando fai uns anos fixeron o estudo de egresados resultou que un 21 ou 22 % cursaba matemáticas. Ao respecto, sinalou que “non é un programa que pense só en que a xente acabe facendo matemáticas, senón en que ese talento que teñen se consolide”.

Ademais, a presenza de mulleres na iniciativa é importante. Normalmente participan sobre un 40 por cento e o cálculo global das seleccionadas sitúase no 35 %.

Tamén é destacable o feito de que unha vez que a xente pasa por Estalmat anímase máis a participar noutras actividades relacionadas. “É un orgullo que por primeira vez na Olimpíada Matemática Galega, que a leva un profesor da Facultade e de Estalmat, Felipe Gago, un primeiro e un segundo premio foron mulleres e as dúas son de Estalmat”, comentou. Raquel Freire conseguiu o ouro na fase galega e o bronce na nacional, e Irene Armesto foi prata na galega e mención na Olimpíada Matemática Europea Feminina.

Con todo, o fin é “que se saboreen as matemáticas, pero se ademais conseguimos empoderalos para que se presenten a outras olimpíadas é un orgullo para as familias e para o proxecto en si”.

O proxecto Estalmat-Galicia iniciou a súa andadura no curso 2007-2008, integrado no Proxecto Estalmat, iniciativa da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. Conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, da Axencia Galega de Innovación, do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e da Facultade de Matemáticas da USC e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.