A experiencia na emigración a través do diálogo interxeracional

Maiores que no seu día emigraron de Galicia debatiron onte con alumnado de 3º de ESO do IESRosalía de Castro sobre as motivacións, dificultades e cambios no tempo

Maiores do Espazo +60 de Afundación de Santiago dialogando con alumnado do IES Rosalía de Castro / |  A. HERNÁNDEZ

Maiores do Espazo +60 de Afundación de Santiago dialogando con alumnado do IES Rosalía de Castro / | A. HERNÁNDEZ / lorena rey

Crear espazos para compartir vivencias, diálogo e emocións sobre a emigración é o obxectivo do programa interxeracional “Fálame da emigración” da área de Envellecemento Activo de Afundación, que se está a desenvolver en distintos institutos de ensino secundario de Galicia na súa sexta edición. Este xoves, os beneficiarios do programa foron os alumnos e alumnas dunha clase de terceiro da ESO do IES Rosalía de Castro, que tras un primeiro encontro fai dúas semanas onde maiores voluntarios lles contaron a súa experiencia na emigración, o protagonismo recaiu neles ao ter que debatir sobre distintas cuestións da emigración.

Coincidindo coa clase de Xeografía e Historia os alumnos e alumnas dividíronse tres grupos, cada un con unha persoa maior. Un primeiro tiña que analizar as motivacións para emigrar, que identificaron no primeiro encontro nos relatos dos maiores ou ben nas historias persoais do propio alumnado. O segundo grupo abordou as principais dificultades que deben afrontar as persoas que emigran, así como os aspectos positivos, e o último grupo tivo que comparar a migración galega coa inmigración a Galicia ou a outras partes do mundo con aspectos comúns e diferenzas.

Os maiores implicados eran María Fe Rodríguez López, que viviu en Cuba e Perú. Emigrou no 1963 e retornou trinta anos máis tarde. Juan Brión Silva viaxou a Nova York no 1973 e volveu a Galicia no 1992 e Manuel Fernández Castedo estivo nos Países Baixos de 1968 e ata 1990.

Nuns vinte minutos estiveron a debatir os distintos temas. O alumnado falaba entre eles e escribía as conclusións nun papel, que despois terían que comentar ante toda a clase. Era visible o interese dos mesmos polo asunto e algunhas das cuestións que se chegaron a replantear chamaron a atención dos maiores. “Penso que a xente marchaba porque non tiña unha boa vida”, “está claro que buscaban mellores condicións económicas”, “moitos íanse por unha maior seguridade”... Estas foron algunhas das opinións mencionadas, xunto con cuestións como “se tiñas fame en América como pedías para comer?” ou “os teus pais desenvolvíanse falando en inglés?”.

Tras o tempo para dialogar chegou o momento de poñer en común as propostas de cada grupo.

Sobre as motivacións para emigrar puxeron enriba da mesa unhas mellores condicións de traballo, estudar ou mellorar idiomas, axudar a países con pobreza, mellorar a calidade de vida, emigrar por familia ou o exilio.

En referencia ás dificultades ás que se afrontan as persoas que deixan o seu país de orixe estarían o idioma, o cambio de clima, a gastronomía, o non poder estar cos familiares ou o bullying. E por outra banda, as facilidades que consideraron máis relevantes foron o aprender un idioma, dispoñer de mellores automóviles, facilidades no traballo e o racismo.

Con respeto ás diferenzas e similitudes entre a migración galega e a inmigración a Galicia ou a outras partes do mundo como aspectos comúns pensaron na mellora da calidade de vida, a búsqueda dun fogar e o acostumarse a unha nova lingua e cultura. Como diferenzas consideran que antes os que emigraban collían traballos que non lles interesaba a ninguén e agora son profesións que agora requiren uns estudos, o coñecemento do idioma e que na actualidade non se necesita documentación como o pasaporte para ir a traballar a un país europeo.

Con este encontro e o anterior maiores e mozos e mozas tiveron a oportunidade de compartir experiencias, opinións, coñecementos, traballo e emocións, establecendo relacións significativas baseadas na reciprocidade e o recoñemento mutuo. Ademais, tal e como sinalou Álvaro Álvarez, coordinador do Espazo +60 de Afundación en Santiago de Compostela, trátase dun “marco de aprendizaxe non formal baseado na escoita que favorece a curiosidade, a empatía e a motivación do alumnado dende o respeto mutuo e axuda a desmontar estereotipos”.

Como obxectivos xerais está que as persoas maiores lle transmitan á mocidade os coñecementos e experiencias adquiridos ao longo de toda a vida, ao que tempo que se enriquecen do diálogo con xente nova e se favorece o entendemento mutuo, así como que os mozas e mozas se beneficen do legado e da experiencia das persoas maiores, que os coñezan e comprendan mellor, dialoguen e cooperen con eles e finalmente, que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe, que aproveiten a experiencia dos maiores, fomenten o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións.