Entrevista | GORETTI SANMARTÍN Candidata do BNG á alcaldía de Santiago

Unha tarde, unha candidata: "Fixen teatro na escola e practico cos contacontos"

Entrevistamos a la candidata a la alcaldía por el BNG, Goretti Sanmartín

Ana Triñáns / Javier Rosende Novo

Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) recibe a El CORREO na rúa Nova, fronte ao Teatro Principal, pois a arte dramática é unha das súas afeccións. Coñecemos dun modo máis persoal a candidata do BNG á alcaldía de Compostela.

Para a nosa cita escolleu o Teatro Principal, por que?

Unha das miñas afeccións é o teatro. Este é un espazo ao que veño moitas veces, tamén a concertos, ademais, gardo moitísimos recordos das proxeccións de Cineuropa. É un sitio de efervescencia cultural ao que me gusta volver. 

O pracer polo teatro levouna a participar como afeccionada? 

A verdade é que fixen algo de teatro escolar, nos últimos anos de primaria e algo da secundaria. Hai unha especialización do teatro que son os contacontos dramatizados, e niso sigo practicando. 

Recoméndenos unha obra non debamos perdernos.

Hai moitas obras en xira e en cartel que a xente non debería perder pero, sen ningunha dúbida, As que limpan, da Panadaría, porque mestura, ademais moi ben, o teatro de calidade co de reivindicación.

Xa coñecemos unha das súas afeccións, cales son as outras?

Pasear, dende logo é unha delas, os concertos e tomar algo coas amizades. O tempo libre tamén me gusta poder dedicalo en parte ás miñas afilladas, sobre todo, á pequena.

Por que outros lugares da cidade sente predilección?

Gústanme moito os parques, o de Belvís ou o camiño ao Banquete de Conxo. E, por reivindicar a memoria do Ensanche, a Praza de Vigo, onde naceu Rosalía, polo simbolismo e por lembrarnos que iso era Conxo até hai moi pouco tempo.

Criouse na Estrada, cando chegou a Compostela?

Con 18 anos, para facer os estudos universitarios. E dende aquela fiquei aquí, xa levo máis de 40 anos, xa me sinto máis de aquí, aínda que as raíces continúan estando alí. Considérome totalmente picheleira.

Compártanos algunha anécdota deses primeiros anos na cidade.

Creo que o mundo estudantil e os grupos de mulleres da Universidade daquela tiñan moitísima potencia e eran capaces de traernos xente que abría o noso mundo. Faciamos concentracións a favor de toda canta reivindicación feminista había e sempre con ese ambiente tan festivo. E logo os debates, no bar Mazarelos de Manolo e Flora que era case a nosa segunda casa. 

Que era o mellor e o peor daquela Compostela fronte á de hoxe?

Sen dúbida había moitísima máis vida estudantil. Absolutamente todo o mundo quería quedar en Compostela, facer cousas. E hoxe en día, para o estudantado, infelizmente, polos problemas de vivenda e de carestía da vida fíxose menos atractiva a cidadde. Pero estou segura que ese empuxe volverá.

Un lugar para perderse?

Un parque, no labirinto de Belvís, por exemplo, poderíase unha perder e agocharse.

E un lugar para atopar a esencia de Compostela?

Sempre o Toural. Antes saías un domingo sen plan e atopabas unha panda para tomar uns viños.

Como chegou á política?

Viña xa cunha conciencia moi forte a respecto da defensa da lingua e da cultura. Aquí contactei con xente dos grupos feministas e con xente do nacionalismo. E foi así que me comecei a meter nisto, fun unha das fundadoras dos CAF (Comités Abertos de Facultade) e, naquel momento, decidín integrarme no BNG. 

Foi difícil aceptar ser candidata a alcaldía de Santiago?

Hai 4 anos foi difícil. É moi bonito facer algo polo teu concello pero é certo que ten unha parte importante de renuncia á vida persoal. Crieime na idea de servizo colectivo e en que, ás veces, tócanos facer algo. E agora estou máis ilusionada que nunca e máis que a primeira vez. E estou moi contenta coa posibilidade real de que en Santiago, por primeira vez, teña alcaldesa. 

Que plans ten o BNG para a vida cultural da cidade?

Creo que a Santiago fáltalle ter proxectos de vangarda que sexan referentes. Aquí hai moita xente que traballa no mundo cultural e Santiago é unha cidade onde sempre vai haber cultura. Pero cómpre potenciar programas novos, que poidan atraer a xente de todo o país. Fáltalle tamén unha das cousas que propoñemos, unha gran factoría cultural, onde os creadores e creadoras desenvolvan os seus proxectos e creen sinerxías.

Vive no de Sar, con carencias de servizos e transporte, cal é a proposta do BNG canto aos barrios?

Cremos que os barrios estiveron sen mantemento durante todo este tempo, están moi abandonados. Podíamos poñer como exemplo, as recollidas de lixo, os colectores... Todo iso ten que cumprir cos pregos e ser estritos. Hai que incrementar as frecuencias horarias, poñer un autobús nocturno e hai que facer que os buses teñan frecuencias en fins de semana e festivos. Segundo, descentralizar a cultura e levala aos barrios con programación continuada ao longo do ano. E tamén son precisos espazos de socialización, tamén cubertos, porque nos barrios o que faltan son esas zonas onde a xente poida estar e dialogar.