Entrevista | Borja Verea Candidato do Partido Popular á alcaldía compostelá

Unha tarde, un candidato: “Reunímonos os amigos cando temos un momento e tocamos”

Entrevistamos ao candidato á alcaldía de Santiago polo PP, Borja Verea

Ana Triñáns / Jesús Prieto / Javier Rosende Novo

Borja Verea (Santiago, 1980) afronta as súas primeiras eleccións municipais como candidato á alcaldía. El CORREO achégase ás facetas máis persoais do aspirante do Partido Popular (PP) para descubrir, entre outras cousas, que unha das súas afeccións é a música, e alén de gozar escoitando clásicos como The Velvet Underground ou Bob Dylan, Verea toca a guitarra dende a adolescencia e mantén amizade e ‘banda’ cos tres compañeiros cos que se iniciou na música.

Cando e como empezou a súa aventura musical?

Xa de moi novo, na escola demos eses típicos primeiros concertos que se fan con 15 e 16 anos. E despois vai quedando esta amizade e xuntámonos cando podemos, porque dous dos meus amigos están en Madrid, pero cando temos un momento reunímonos e tocamos, e pasámolo ben, basicamente.

Que outras afeccións ten? Ou non queda tempo para máis?

Pouco tempo, sobre todo ultimamente. Pero cando se atopa un oco gústame moito todo o que ten que ver co estar ao aire libre, nadar, montar en bicicleta, correr... E aproveito calquera momento que teña para estar en contacto coa natureza.

En que barrio se criou? Compártanos unha anécdota da infancia.

Nacín no Ensanche, teño moitas anécdotas pero lembro, por exemplo, algo que facía co meu primo, iamos até a Residencia, ao Campus, e nunha ocasión perdémonos durante 2 ou 3 horas e acabamos na Quintana... Para nós foi divertido, pero lembro a cara dos meus pais... Debeu ser máis complicado.

Que era o mellor daquela Compostela fronte á de hoxe?

Lembro unha Compostela moi dinámica, con moitísima enerxía, epicentro cultural, da vangarda... e iso foise perdendo nos últimos 20 anos. Outras cidades foron medrando e nós quedamos atrás, é un dato obxectivo e un dos principais polos que dei o paso para ser alcalde.

Por que lugares da cidade sente predilección?

A Residencia, porque o Campus é un sitio que me recorda todas as etapas da miña vida. Indo a xogar co meu primo, na mocidade, as primeira mozas e agora que son pai... está sempre presente.

E onde podemos atopar a esencia máis picheleira?

Pois algo que aprendín estes anos, pateando cada zona e falando coa xente é que cada barrio, coa súa especialidade e identidades diferentes garda ese espírito común, esa enerxía que estou convencido que é o compostelanismo.

Como chegou á política.

Pois moi tarde, de mozo non tiña vocación política, pero en 2009 incorporeime á Xunta da man de Alfonso Rueda, e no 2011 entrei no equipo de Alberto Núñez Feijóo e cinco anos despois empecei a colaborar co PPdeG. E logo chegou a oportunidade de poñerme á fronte do partido en Santiago, co obxectivo gobernar a miña cidade.

Parece que foi fácil tomar a decisión de ser candidato...

No momento en que Agustín (Hernández) decidiu non presentarse, non tardei en dar o paso cando se deu a oportunidade. Tendo eu un perfil técnico pode parecer un salto complicado, pero teño o convencemento de que Santiago necesita nova enerxía e máis ambición, por iso este proxecto, para que a cidade dea un paso adiante.

Que puntos fortes ten a política cultural da súa candidatura?

Santiago ten que competir en calidade, apostar por formatos integrados na trama urbana, que a cidade sexa o propio escenario. Necesita unha importante calendarización e un Foro de Cutlura Local con creativos, autores, programadores... 

No programa fala de crearunha Rede Pública de Cociñas que abasteza as escolas... 

A xestión desta rede sería municipal, é certo que non todas as escolas poden ter unha cociña, pola súa propia infraestrutura, pero teriamos cociñas referentes que servirían a varias escolas. A calidade dos comedores escolares non é unha cuestión menor, é saúde, pero tamén servirá para mellorar o comercio e facer comunidade na contorna das escolas. É un dos proxectos que teño máis claros, hai que estudar exactamente onde poñer as cociñas, cantas... E anque fose municipal, se outra administración quixera colaborar, estariamos dispostos, claro.

No tocante aos barrios, ve entre eles vertebración ou falta dela?

Hai necesidade de vertebrar a cidade, pero tamén hai que ter coidado, porque cada barrio ten a súa identidade e hai que defendela. Nós anunciamos infraestruturas básicas, coma instalancións deportivas, porque as que hai están pensadas para os anos 80. Levamos anos de retraso e nunca o concello tivo tantos recursos públicos, por iso hai que ser máis ambicioso.

Que plans ten sobre mobilidade e transporte público?

O do transporte é unha das cuestións máis graves do municipio, unha falta de dignidade para a cidadanía, simplemente hai que ver os buses que temos para saber que as cousas non se fixeron ben. Hai que defender o transporte público no rural e valorar a nova licitación que se fixo a 15 días dunhas municipais e hai apostar pola sustentabilidade. Nesta liña, o meu proxecto máis ambicioso cando goberne é o Paseo de Galicia, facer peonís 20.000 metros cadrados dende a Virxe da Cerca á Porta Faxeira pasando pola Praza de Galicia e a rúa da Senra, todo ese tráfico quedaría soterrado e, na superficie, só transporte público e escolar, e vehículos de comercio, Praza de Abastos e residentes.