Entrevista | Xosé Sánchez Bugallo Candidato do PSdeG á alcaldía de Santiago

Unha tarde, un candidato: “Máis que pasear a min gústame andar, pero teño pouco tempo”

Entrevistamos ao alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo

Ana Triñáns / Jesús Prieto / Javier Rosende Novo

Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, Curtis, 1954) preséntase á reelección nas municipais do vindeiro 28M. O candidato socialista, que se define como “posicionado e comprometido”, politicamente, dende que era un adolescente pasea con EL CORREO polo parque de Galeras mentres nos descobre a súa infancia e os plans que ten para Compostela se sae elixido de novo.

Estamos no Carme de Abaixo, entrando no Parque de Galeras, por que nos citou aquí?

Paréceme un sitio fantástico, e ademais foi o primeiro que inaugurei cando entrei a primeira vez na Alcaldía. Era unha zona moi degradada hai 25 anos e, foi unha zona que se recuperou e hoxe en día é un dos lugares máis bonitos de Santiago.

Ademais de pasear, que outras afeccións ten?

A Alcaldía déixame pouco tempo, incluído o de andar, máis que pasear a min o que me gusta é andar pero teño moi pouco tempo, así que ando... cando podo.

Por que lugares de Santiago ten predilección?

Por todos. Cando teño tempo gústame andar polo Sar e polo Sarela, polos barrios, polos montes do Viso, de Godos, do Gozo, do Pedroso... en fin. Encántame andar e encántame Santiago e desfrutar da natureza e, por suposto, tamén desfrutar da nosa cidade.

Vostede criouse en Teixeiro, cando chegou a Santiago?

Crieime en Teixeiro pero saín de alí con 6 anos. Despois fomos unha etapa curta un pobo de Granada onde destinaron o meu pai e logo chegamos a Santiago, á Susana, na parroquia de Marrozos, que hai estación de tren, e a partir de 1964 vin vivir a Santiago, primeiro como interno en La Salle e logo, en 1965, trasladouse a familia e instalámonos todos na rúa Xelmírez.

Compártanos algunha anécdota dese tempo.

Hai moitas, pero a maioría na parroquia, na unitaria da Susana, foron tres anos marabillosos, facendo trastadas que, afortunamente, non tiveron consecuencias negativas. Por exemplo, un dos nosos deportes predilectos era o de agarrar xestas e tirarnos por un terraplén cara á vía do tren. E xa na cidade o noso campo de xogos era a Quintana.

Que era o mellor e o peor daquela Compostela fronte á de hoxe?

Mirábaa cos ollos dun neno, para min todo era marabilloso, era completamente distinta, había moitos menos coches e podiamos xogar nas rúas, unha Compostela con menos turismo, moi familiar... A única ameaza era un policía municipal chamado Churrero, que nos perseguía a todos os nenos da zona da Quintana e nos quitaba os balóns. Agora, cousas boas hai moitísimas, calquera dos parques, as rúas... Esta cidade ofrece infinitas posibilidades. Despois de tantos anos, cada días decubro cousas novas.

E onde atopamos a esencia máis picheleira? 

Probablemente nos barrios, creo que é onde mellor se conserva, no Sar, en San Pedro, incluso nun que antes non era parte de Santiago, Conxo... Son barrios con personalidade.

Como chegou á política?

Sempre fun inquedo e quixen dedicarme a algo vencellado ao servizo público, desde moi mozo. Xurdiu moi natural, desde os 14 anos tiña inquedanzas políticas e funme orientando nunha dirección. Viviamos a ditadura e, por moitas razóns, puiden orientarme a outro lado, pero non. A partir dos 16 ou 17 anos comprometinme claramente.

Once anos concelleiro con Estevez, 8 deputado provincial, alcalde 3 lexislaturas seguidas, 4 deputado parlamentario e de novo alcalde. Que lle queda por facer?

Dar un novo salto, todo está en movemento e o éxito é que todo quedou pequeno. Pode parecer contraditorio pero todo quedou pequeno: a estación, o aeroporto, o polígono... Agora hai que facer 3 polígonos máis para que poidan seguirse implantando empresas en Santiago. Hai que recuperar a política de vivenda do 2000 a un prezo razonable... Teño que rematar o puzzle. Rúas coma Romero Donallo teñen que deixar de ser estradas para seren avenidas urbanas e nexo, en lugar dunha barreira de separación entre unhas e outras zonas do municipio.

Precampaña e campaña estiveron afectadas polas convocatorias de folga do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) e Urbaser... Cre que pode afectar á confianza da xente?

Os traballadores do lixo desconvocaron a folga do 15, quero agradecer a súa responsabilidade e quitáronme eun peso de enriba. E creo que non se entendería a folga cun convenio en vigor, foron quen de atopar unha solución a esas discrepancias coa concesionaria. Outros problemas coma o transporte son temas globais, non locais... E confío tamén que se desconvoque a folga do SAF, que a empresa actúe con sensatez, que está a exercer presión sobre as traballadoras, téñolla que pedir á empresa, porque está a exercer unha presión sobre as traballadoras que non é xustificada.

E canto lle afecta no persoal o caso Destroi?

Mire, creo que a política ten as súas propias regras, cando un está en política debe xogar dentro da política e se non se pode gañar hai que saber perder. Hai sistematicamente quen quere acurtar o camiño e buscar rutas alternativas, non é algo novo. Gustaríame recordarlle ao PP que todos os cargos públicos condenados, provisional e definitivamente, máis nunca por denuncias do Partido Socialista, no Concello de Santiago tiñan unha militancia común... no Partido Popular.