Investigadores da USC levarán a ciencia aos bares de Compostela a próxima semana

Pint of Science aterra a vindeira semana nas cidades de Lugo e Santiago

Edificio do Cretus da USC

Edificio do Cretus da USC / USC

k.m.

O festival internacional Pint of Science aterra a vindeira semana nas cidades de Lugo e Santiago coa intención de achegar a ciencia á sociedade da man do persoal investigador da USC, establecendo un vínculo de coñecemento, curiosidade e proximidade. É un evento que trata de establecer unha comunicación eficaz, “de igual a igual”, entre persoal científico e público xeral, empregando os bares como escenario e proporcionando un contexto distendido e agradable que promova dita comunicación. Estenderase os días 22, 23 e 24 de maio.

No caso da capital galega, a partir das 18.00 horas, acollerá durante eses tres días a versión santiaguesa do Pint of Science no bar cafetería Alborada de Veiga, mentres en Lugo terá lugar á mesma hora na Cafetaría Noroeste.

As persoas que asistan o luns en Santiago poderán escoitar charlas distendidas sobre o desenvolvemento de fármacos, a posibilidade de que non sexamos tan iguais como cremos, a vida máis alá da auga ou o chatGPT.

Os relatorios correrán a cargo de Antón Leandro Martínez Rodríguez do CiMUS, José Manuel Amoedo Meijide do grupo de investigación Icede (Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento), Adrián Sánchez Fernández do CiQUS e Aldán Creo Mariño do CiTIUS.