Luís Emilio Batallán, candidato de CxG á Alcaldía de Santiago, denuncia o abandono da cidade

O músico e médico defende a moderación e a centralidade da súa formación como valor engadido para chegar a acordos con todos

Luís Emilio Batallán na terraza de EL CORREO / Jesús prieto

Luís Emilio Batallán na terraza de EL CORREO / Jesús prieto / Ana Triñáns

Luís Emilio Batallán (Santiago, 1948), músico, compositor, cantautor e médico rural, preséntase por primeira vez como candidato á Alcaldía compostelá baixo as siglas de Compromiso por Galicia (CxG). EL CORREO recibiuno na súa sede para debullar as liñas mestras do seu programa e conversar sobre a súa visión do Santiago actual e das perspectivas coas que acudirá ás urnas o vindeiro 28 de maio.

Nacín en Compostela, esta cidade foi parte de case media vida miña”, explica Batallán, que recalca que aínda que agora vai e vén, “doume conta de que a cidade está abandonada, moi abandonada”. O candidato de CxG fai mención a que “hai liortas por todos lados, coa veciñanza, coa iluminación, co lixo, coa mobilidade...”. Sobre este abandono que el aprecia en Santiago, Batallán responsabiliza “ao señor Bugallo, á señora Goretti e a Compostela Aberta, por acción ou por omisión”. “Compostela para min ten que ser un centro cultural, loxístico e tecnolóxico no mundo”, explica.

En referencia ás enquisas e ás espectativas da súa formación para o vindeiro domingo, Luís Emilio Batallán denuncia que “nas enquisas xa non preguntan por min, entón eses inquéritos son moi falsos, son manipulados porque están enfocados ao bipartidismo e aos grandes”. O músico tamén engade que cando se apela ao voto útil o que se está é a apelar “ao voto inútil, porque implica votar aos de sempre”.

O candidato de CxG destaca a centralidade, o galeguismo e o europeísmo da súa formación. “Somos os únicos que podemos dar gobernabilidade porque somos os únicos que podemos chegar a acordos con todas as formacións”, asegura. “Gústame moito a centralidade política neste momento no que ademais este traballo está tan desprestixiado e gústame a política municipal porque supón un trato máis persoal”. Nesta dirección, Batallán e CxG, que consideran que teñen moitas opcións para acadar un bo resultado, compreméntense “a ser alcalde de todos, pero sobre todo dos que máis o necesita”. “Comprométome a atender sen burocracias, como tamén o teño feito durante a miña traxectoria como médico rural”.

O candidato de CxG envía esta mensaxe á cidadanía: “O que hai que botar o domingo é esta xestión de catro anos e o abandono de Santiago”.