Entrevista | Xosé Sánchez Bugallo Alcalde de Santiago e candidato á reelección polo Partido Socialista (PSdeG)

“A zona sur de Santiago ten que pasar a ser o centro, o novo Ensanche”

Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) chega á recta final desta campaña electoral “totalmente convencido” de que seguirá sendo o alcalde de Santiago // Para o candidato socialista, Compostela avanza pola senda do crecemento no marco dun proxecto “extraordinario”, que se viu truncado pola pandemia // O seu grande obxectivo para o novo mandato: coser a cidade

Xosé Sánchez Bugallo, onte, na Alameda de Santiago / JESÚS PRIeTO

Xosé Sánchez Bugallo, onte, na Alameda de Santiago / JESÚS PRIeTO / ARTURO REBOYRAS

O lema da súa campaña é Santiago vai. Pero, en que dirección vai?

O que queremos reflectir é que Santiago, que era unha cidade parada en 2019, hoxe é todo o contrario. O INE confirma que non só é a cidade galega que crea máis emprego, senón a que máis reduciu o desemprego. En materia turística os resultados son espectaculares, nun escenario que nunca se producira, porque nunca pasou que o ano seguinte ao Ano Santo fora mellor que este. Sempre se baixaba un 15% e estamos subindo case un 17%. Outro exemplo: fronte ás 8 empresas que se instalaron no polígono da Sionlla entre 2011 e 2019, foron 87 as que se estableceron alí entre xuño de 2019 e 2023, e hai outras 9 máis tramitando a súa instalación no parque empresarial.

Recordo que hai catro anos, na súa presentación na Sala Capitol como candidato, se manifestaron publicamente varios composteláns que se declaraban votantes do Partido Popular pero que pedían o voto para Xosé Sánchez Bugallo. Está pasando o mesmo nesta campaña?

Está pasando o mesmo. De feito, algúns deles estiveron onte (polo mércores) no acto de campaña. Eu teño clara unha cousa: o alcalde de Santiago non pode estar ao servizo de ningún partido político, tan só das veciñas e veciños de Santiago. Santiago é un símbolo. Para os composteláns, porque é a súa cidade; pero tamén para todos os galegos, porque é a súa capital; para todos os españois, para os europeos e para as xentes de todo o mundo que chegan a esta cidade como peregrinas ou turistas. O alcalde de Santiago é o alcalde de Santiago por enriba de todo partido. E se isto non se entende, non se pode nin se debe ser alcalde desta cidade.

Que quere dicir?

Santiago nunca pode ser un instrumento de confrontación política, nin coa Xunta de Galicia, nin co Goberno de Madrid, nin coa Universidade, nin coa Igrexa. Temos que buscar o encontro e o acordo con todas as institucións. Santiago sen a súa Universidade non sería Santiago; e sen a Igrexa, non existiría.

Todas as enquisas predín que o PSdeG non gañará as eleccións municipais deste domingo e danlle a victoria ao PPdeG, a que atribúe o desgaste do seu proxecto?

As enquisas... Xa veremos en que medida acertan. O que deixan claro é que na Corporación municipal de Santiago haberá unha maioría moi ampla progresista; e tamén indican que eu serei, previsiblemente, o próximo alcalde de Santiago.

Está completamente convencido de que seguirá sendo alcalde?

Totalmente. O que indican as enquisas é que Borja Verea cada día está máis lonxe da maioría que necesita para gobernar. E neste sentido, eu creo que hai que pensar no voto útil. Nun voto útil centrado en Santiago e con sentido común. Que o PP teña 8, 9 ou incluso 10 concelleiros é irrelevante. Poderá expresar as súas ideas exactamente igual, pero non poderá gobernar en ningún caso. Que Bugallo teña oito, nove ou dez concelleiros tamén o é. Primeiro, porque vou gobernar en calquera caso. Aínda que é evidente que canta máis representación teña, máis centrado estará o meu goberno. O digo con absoluta claridade: se son a lista máis votada, que é o que quero, gobernarei en solitario. Se non, obviamente necesitarei acordos políticos para facelo.

Que o PP teña 8, 9 ou incluso 10 concelleiros é irrelevante. Que Bugallo teña oito, nove ou dez concelleiros tamén o é. Vou gobernar en calquera caso

Despois da confrontación que houbo neste mandato entre Bugallo, o BNG e CA, cre que apoiarán un goberno con vostede á cabeza?

En democracia, a unidade de medida é o voto; é o que vale. O veto non vale nada. Nin serve para nada, nin ten ningunha utilidade práctica. Polo tanto, é normal que ás doce da noite de hoxe exista o nivel de confrontación que cada un considera que debe haber; pero a partir das doce da noite do 28 de maio, deste domingo, unha vez que os cidadáns decidan o nivel de representación que ten cada un, todos temos que administrar e xestionar o resultado. Para min o prioritario sempre serán os intereses dos cidadáns de Santiago. Esa será a única medida; e o que espero é que os demais teñan o mesmo sentido común e sentido práctico.

Séntese orgulloso do equipo de goberno desta lexislatura?

Desde logo, síntome orgulloso, aínda que, como é sabido, tivemos algunhas dificultades. Mire, é moi difícil, sobre todo cando se está fóra deste ámbito durante oito anos, que non haxa algunha sorpresa que sexa desagradable. Pero globalmente, teño que agradecer a todo o equipo a lealdade e a dedicación nun mandato que foi para min o máis duro, o máis difícil e o máis estraño. Considero impagable haber tido esta oportunidade. Eu non quería estar en ningunha outra parte durante a pandemia, máis que sendo alcalde de Santiago. E non quería poder facer outra cousa que non fose axudar a que Santiago se recuperara da pandemia a tanta velocidade como o fixo.

Ten pesar por algo que deixou sen facer este mandato?

Moitas cousas. Que Peleteiro, que estaba aí para arranxar e que ao final decaeu... O concurso da auga e saneamento... Me parece absolutamente lamentable e unha auténtica gamberrada. Isto impediume cumprir os meus compromisos co rural en materia de auga e de saneamento. Foi unha decisión da oposición de puro obstrucionismo político, que eu confío que nos próximos seis meses poidamos sacar adiante. E tamén houbo outras políticas que tivemos que sacrificar necesariamente. Cando pasan circunstancias como as que vivimos recentemente, coa pandemia e incluso coas derivadas da guerra, un non pode seguir adiante como se fora un marciano. Non queda máis remedio que parar todo e ocuparse do que é prioritario. Nós destinamos 10 millóns de euros a axudas directas ao comercio e a hostelería.

Cre que estes sectores lle agradecerán agora esta axuda?

Espero que si. Nós invertemos todo o proceso: en lugar de cobrar, pasamos a pagar e a repartir axudas a todos. Porque para nós era fundamental manter o tecido produtivo da cidade. Cando foi a propia pandemia e de repente nos atopamos cunhas 2.000 familias ás que había que apoiar directamente e economicamente, fixémolo. Nunca pensei que iso podería suceder. Pero era o que había que facer. Houbera sido unha actuación irresponsable que mentres unha xente non tiña para comer me dedicara a asfaltar rúas. Eu recoñezo que había que asfaltar rúas, pero considero que é moito máis importante poder comer. O balance total é extraordinario.

Coser a cidade, ese parece o segundo lema da súa campaña...

Santiago creceu nos meus anteriores mandatos dunha forma espectacular, sobre todo, na zona sur: Santa Marta, Conxo, Cornes, O Castiñeiriño, Pontepedriña, A Choupana... Creceu arredor das antigas carreteras nacionais. O Restollal era a N-525, Santa Marta, a N-550, Romero Donallo, a conexión entre a N-550 e N-525. E esas rúas seguen preservando carácter de autovía urbana. Non é o que necesitamos, senón integrar. Todo iso ten que pasar a ser o centro da cidade, o novo Ensanche. E polo tanto hai que converter esas autopistas en bulevares, hai que facelos permeables, accesibles para o transporte en medios blandos e para poder usalos a pé. E tamén necesitamos un cambio na zona norte: Xoán XXIII, por exemplo, con catro carrís na parte de arriba, ten unha capacidade desorbitada. Reformulouse a parte de abaixo e temos que facer o mesmo na zona alta. Polo tanto, coser a cidade é absolutamente fundamental.

O alcalde desta cidade non pode estar o servizo de ningún partido político. Só pode e debe estar ao das veciñas e dos veciños de Santiago, como símbolo

Cre que o poderá conseguir en catro anos de lexislatura?

Espero que si. Para O Restollal temos que conseguir a financiación, porque creo que é absolutamente espectacular o cambio que se produciría e é absolutamente imprescindible. Nesa zona construíronse máis de 2.000 vivendas, e non podemos renunciar a integrar a esas miles de familias dentro do centro.

Como ve o futuro?

O futuro é dos mozos, pero tamén dos maiores, dos maiores de mañá e dos de hoxe, que teñen por diante 30 ou 35 anos de vida. Niso os tempos cambiaron moito.

Xa para ir rematando, que mensaxe lles enviaría aos composteláns que a día de hoxe aínda non teñen claro o seu voto?

Só lles pediría que pensen en Santiago, que pensen no sentido común, que pensen en quen está centrado en Santiago, non en cuestións de partido, non en cuestións doutra índole, só que pensen en Santiago. Insisto, o alcalde desta cidade non pode estar o servizo de ningún partido político. Só pode estar e debe estar ao servicio das veciñas e dos veciños de Santiago, como símbolo.

É esta a última campaña electoral de Xosé Sánchez Bugallo?

O futuro non está escrito.