Sanmartín prioriza o proceso de rehabilitación da vivenda baleira e os comedores escolares

Goretti Sanmartín / a. hernández

Goretti Sanmartín / a. hernández / redacción

Redacción

Goretti Sanmartín presentou onte nun acto as medidas para desenvolver no primeiro ano de mandato e os eixos da estrutura de goberno, no caso de consiga chegar á Alcaldía de Santiago tras o 28M.

No decálogo de medidas, destacou que para fixar poboación na cidade histórica asinará un pacto para sumar todas as forzas, “para que sexa o corazón que late con forza, con vida, con veciñas e veciños”. Tamén destacou a realización dun estudo para desenvolver as intervencións necesarias no camiño da accesibilidade universal. En vivenda, o BNG propón iniciar o proceso de rehabilitación e dinamización da vivenda baleira. “Tomaremos a decisión sobre a parcela de Peleteiro apostando como primeira opción porque a SAREB ceda a parcela ao Concello para construír vivenda de protección oficial, para alén de dotacións culturais e deportivas e unha praza pública”, explicou. En materia educativa e de conciliación, Sanmartín destacou que avanzará cara a un novo modelo de comedores escolares, entre outras medidas.

Goretti Sanmartín deu a coñecer tamén os eixos da estrutura de goberno que comezaría se chega á Alcaldía tras as eleccións municipais e citou como prioridades: a transversalidade de políticas feministas, a aposta polas diversidades (funcionais, de idade e de identidades), a transparencia, a accesibilidade, o compromiso cos dereitos civís e de defensa da lingua, a participación cidadá e a modernización administrativa.