Verea aposta por crear parques caninos nos distintos barrios da cidade e mellorar os existentes

Propón reforzar e especializar o voluntariado do Refuxio de Bando ante o aumento de abandonos en certas épocas do ano

Verea, á esquerda, conversando na rúa con composteláns / j.prieto

Verea, á esquerda, conversando na rúa con composteláns / j.prieto / l.r.

Co obxectivo de poñer en marcha medidas destinadas a mellorar a convivencia entre a veciñanza e os animais de compañía, o candidato á Alcaldía polo Partido Popular en Santiago, Borja Verea propón crear parques caninos nos distintos barrios da cidade onde aínda non se conte con estas instalacións, como por exemplo na zona do Monte do Conxo, así como reformular e mellorar os parques xa existentes, como o de Galeras.

A maiores, Verea indicou que se a veciñanza lle da a súa confianza este 28M potenciará o voluntariado para o Refuxio de Bando, “xa que os abandonos aumentan en distintas tempadas do ano e o persoal existente non é suficiente para xestionar ou coidar os animais”. Ademais, crearán un voluntariado especializado, cunha formación previa na atención de animais e que non precisen dunha supervisión específica.

Neste sentido, como xa anunciou, promoverá unha carreira solidaria en beneficio do refuxio de Bando, “A Perrestre”, na que participarán os donos xunto cos seus animais de compañía e na que a recadación das inscricións irá integramente destinada ao Refuxio.

Por outra banda, Verea explicou que se establecerán convenios co sector da hostalaría e comercio co fin de facilitar o acceso das mascotas a estas instalacións e, os locais que se sumen a esta medida, terán un identificativo no que se publicite a súa condición de “Amigable coas mascotas”.

Destacou, a maiores, que se promoverá unha guía “PetFriendly”, para que todos aqueles asuntos relacionados cos animais queden unificados e se lles poidan dar difusión. E para iso incluiranse restaurantes, cafeterías, saúde e beleza, aloxamento, zonas de esparcemento e actividades lúdicas, entre outras.

O candidato popular insistiu en que “se defenderán os dereitos dos cans como un membro máis da familia, pero tamén coas súas obrigas, polo que fomentaremos que os seus coidadores exerzan unha tenencia responsable”, esixindo a limpeza dos espazos públicos, recollendo as deposicións e evitando que os animais ouriñen sobre o mobiliario público ou fachadas. Para facilitar isto, aposta pola instalación de papeleiras para o depósito de excrementos e a distrución de botelliñas, “para que os coidadores as leven sempre consigo, que se poderían encher con auga e vinagre e servirían de desinfectante natural para limpar as deposicións do can”.

Por outra banda, asegurou que desde o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) e o Refuxio de Animais realizaranse campañas de sensibilización para potenciar a adopción ou o apadriñamento de animais e prestarase especial atención ao control das colonias de animais en liberdade.