A parte máis provocadora do pensamento de Luís Seoane

O investigador posdoutoral Pablo García presenta hoxe na libraría Couceiro (19:30 horas) ‘Alguén Virá...’, un ensaio sobre o intelectual galego máis internacional do século XX

Pablo García, autor do libro ‘Alguén virá...’ / Alba Viñas

Pablo García, autor do libro ‘Alguén virá...’ / Alba Viñas / manu lópez

A figura de Luís Seoane é unha das máis recoñecidas da cultura galega e, ao mesmo tempo, a máis internacional. Pero aínda quedan aspectos por afondar nela, ou iso considera o investigador posdoutoral no Instituto da Lingua Galega e na Facultade de Filoloxía da USC, Pablo García, que hoxe presenta na libraría Couceiro ás 19.30 horas Alguén virá..., un ensaio editado por Laiovento no que recolle o que define como “a parte máis provocadora do seu pensamento”.

Deste xeito, García entende que “hoxe en día, aquí é unha persoa importante, pero en certa medida, dunha maneira moi neutralizada. Temos rúas, prazas, colexios que se chaman Luís Seoane”, pero esa parte máis provocadora “non se ve, púxose o énfase na súa galeguidade pero é un pensador tenso a nivel de relación coa filosofía da historia, a nivel de relación entre cultura e sociedade, cultura popular, cultura nacional popular, nación e cultura...Neses eidos é un pensador moi rico, e non se le tanto aquí”, sinala.

A súa investigación sobre Seoane comezou na súa tese de doutoramento na City University of New York e despois realizou outras publicacións de perfil académico, pero segundo explica o autor “quedábame a espiña cravada de que moito desa investigación tiña tamén unha repercusión aquí, este ensaio é material novo, e céntrase nos anos 50, que son anos de moitos cambios, ademais de ser a década na que escribe case toda toda a súa obra literaria en lingua galega”.

O investigador relata que nesta obra conecta o artista co pensamento romántico “nun momento no que a idea da lóxica matemática que está detrás do capitalismo, que o quere explicar todo a través de números, Seoane vai ao principio ás emocións, a recuperar sentimentos. El presta atención, sobre todo, ao medievo e ao románico, que é o período anterior á época da ilustración. Aí busca a arte e maneiras de facer a sociedade con prácticas colaborativas fronte a lóxica moderna, ilustrada, e despois capitalista”.

Portada do libro ‘Alguén virá...’

Portada do libro ‘Alguén virá...’ / manu lópez

Esa década dos 50 supón para o artista “un momento de desalento polos desencontros coa xente que está aquí montando Galaxia e pola consolidación do franquismo”. Neste contexto, Seoane “volve a un tipo de pensamento que conecta co marxismo de entreguerras, sobre todo con Walter Benjamin”, indica. “Eu fago un diálogo entre o Seoane e Benjamin, que é o que o intelectual italiano Enzo Traverso chamou a memoria do futuro, unha memoria na que ti recordas o pasado, non tanto para restauralo, se non para ver nel que elementos poden servir para imaxinar o futuro. Nesa mirada cara atrás, Seoane responde ao momento de crise dos anos 50”.

“Queda moito por facer para conectar a Galicia, a través de Seoane, coa historia do século XX”, reflexiona o investigador, que resalta que o esforzo máis grande do libro é conectalo co pensamento do romanticismo marxista da Europa de entreguerras nos anos 20 e 30, “que é un espazo fundamental para a súa educación emocional, para a súa educación política e para a súa educación artística. E que eu creo que non está suficientemente atendido cando se estuda a Seoane”.

Formado en Nova York e Alemaña, e tras comisariar exposicións en Bos Aires e A Coruña sobre Luís Seoane, García indica que este libro supón unha maneira de pechar un ciclo. “Ten ese sentido un pouco de peche porque é poñer en circulación, máis alá dos círculos académicos, os resultados máis suxerentes e atractivos dun traballo de investigación para un público máis amplo, a través do xénero do ensaio”, asegura.

Neste propósito de achegar a máis xente esta parte da figura de Seoane amósase optimista. “A xente le ensaio. A min, por redes sociais, xa me está chegando xente que leu o libro e que lle interesa. O estilo, que xa está moi limpo de notas ao pé, procurei facelo menos denso do que é un traballo de investigación, que sexa un libro que poida ler xente que le ensaio, opinión, ou reportaxes longas en prensa sen ser especialista na materia”, indica. Aínda que recoñece que “cada vez somos máis audiovisuais”, cre que “a lectura permite unha serie de cousas a nivel de procesar a información, de interiorizar, que non permiten outros formatos”. Desta maneira, engade que “o ensaio é para un público lector, onde logo podes presentar o día de mañá, non sei, documentais, coa ciencia en rede, cada vez estamos creando máis ferramentas para difundir de maneira gratuita, con acceso libre, máis elementos das nosas investigacións”.

Á hora de enfocar este traballo, indica que o feito de ter unha primeira formación no xornalismo e ter traballado medios de comunicación “creo que me deu un grao de consciencia do texto e dos destinatarios moi alto que a min me beneficia. Despois recibín formación filolóxica e é ao que me dedico. O xornalismo foi un adestramento que durante un tempo deixei aparcado, pero cando me tocou escribir, deime conta de que tiña unhas ferramentas que me eran de gran utilidade”.