Sold out na presentación do festival Maré: primeiro concerto de MARO en Galicia

A artista portuguesa deleitou o público nun Salón Teatro repleto // A edición 2023 do festival terá lugar do 20 ao 24 de setembro en Santiago

A artista portuguesa MARO no Salón Teatro tras o concerto de presentación do festival Maré

A artista portuguesa MARO no Salón Teatro tras o concerto de presentación do festival Maré / Nordesía producións

Redacción

Tras o recente lanzamento de «hortelã», a multi-instrumentista, compositora e produtora de Lisboa MARO deu vida a unha versión íntima e despoxada das súas cancións máis recentes, nunha liña de folk acústico. En formato trío, cos guitarristas cataláns Darío Barroso e Pau Figueres, actuou onte nun Salón Teatro ateigado que coreou dende a primeira ata a última canción.

O festival Maré celébrase este 2023 do 20 ao 24 de setembro en Santiago

O festival Maré celébrase este 2023 do 20 ao 24 de setembro en Santiago / Nordesía producións

O concerto de MARO enmárcase dentro da presentación da edición 2023 do festival Maré, que terá lugar do 20 ao 24 de setembro en diversos puntos da cidade de Santiago de Compostela. Un evento que aposta pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural, poñendo o foco naqueles territorios cos que Galiza comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico.