Investigadores da USC priorizan mellorar a renda dos agricultores de cara a un rural sustentable

Analizaron territorios durante catro anos como coordinadores da plataforma galega dun programa europeo que lle deu 144.000 euros

Mar Pérez (2d) e Santiago Edelmiro (2e), da USC, na sede do Comité Europeo das Rexións, en Bruxelas / cedida

Mar Pérez (2d) e Santiago Edelmiro (2e), da USC, na sede do Comité Europeo das Rexións, en Bruxelas / cedida / lorena rey

A necesidade de mellorar a renda dos agricultores e de transformar a agricultura cara modelos máis sustentables, a importancia da intervención pública para facilitar servizos, ou que os habitantes do medio rural sexan partícipes dos procesos de decisión política e de diseño das medidas que os afectan son algunhas das recomendacións incluídas nas conclusións dos informes elaborados pola plataforma multiactor (MPA) galega liderada pola Universidade de Santiago que está a participar no proxecto Sherpa, un programa coordinado desde Bruxelas que implica a unha vintena de países e que está financiado con preto de cinco millóns de euros de fondos europeos, dos que a institución compostelá recibiu un total de 144.000 euros.

As MAP son as siglas en inglés de plataforma multiactor, que ven a ser a metodoloxía de traballo dos 41 grupos de Sherpa. Cada país decidiu adaptar a configuración da MAP á súa realidade. No caso da galega, que a levan desde a Universidade de Santiago en colaboración cos grupos de investigación Ecoagrasoc da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra dirixido polo profesor do Departamento de Economía Aplicada da Facultade de Económicas da USC e o Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da EPSE, decidiron ter unha composición que fora o máis representativa posible das tres realidades rurais que tiñan definido ata o momento. Estas son: “un rural activo agrario, de baixa densidade de poboación no que a actividade agraria aínda segue sendo un motor relevante para a economía; o rural abandonado, con densidades de poboación moi baixas e que precisamente o problema que teñen é que hai unha hipertrofia de calquera tipo de actividade económica e, por último, o rural máis periurbano, que correspondería ás zonas que circundan as cidades, e boa parte do que sería o eixo atlántico, un rural máis diversificado, máis densamente poboado, e no que a agricultura ten un escaso peso”, explicou en detalle a este medio a investigadora Mar Pérez Fra do grupo Ecograsoc.

A partir de aí trataron de dividir os membros da MAP, para que foran representativos desas tres realidades e ao mesmo tempo representativos de tres colectivos distintos. Por unha parte, a sociedade civil (representantes de sindicatos, asociacións de veciños, entidades que prestan servizos sociais), políticos locais de tres concellos e, por último, seleccionaron unha serie de persoas da universidade e centros de investigación que centran a súa liña de investigación nas zonas rurais dende a produción agraria a servizos.

“A Comisión Europea necesita as MAPs para nutrirse de información que lle permita despois definir políticas. Nun primeiro momento esta institución dounos un catálogo de temas a tratar como a gobernanza e nós previamente como grupos de investigación realizamos un barrido e unha análise de todo o que había publicado sobre estas cuestións en referencia á realidade galega. A posteriori, elaboramos un primeiro informe sobre iso e enviámolo aos membros da MAP para que tiveran un primeiro aterrizaxe na cuestión que queriamos discutir. Todos os resultados levábanse a reunións con estes axentes e discutíanse en dinámicas participativas”, explica Mar Pérez. Con todo isto elaboraron o documento final sobre a posición da MAP galega.

As contribucións feitas desde Galicia, do mesmo xeito que as dos demais equipos de traballo, foron obxecto de análise na sesión final do programa Sherpa celebrada hai uns días no Comité Europeo das Rexións, en Bruxelas. “Estivemos discutindo distintos aspectos que foron de interese nas MAPs europeas, tendo en conta que a diversidade é enorme porque como podes entender non ten moito que ver a realidade galega coa de Rumanía, onde enfatizaban en mellorar servizos porque hai moito rural que non ten estradas”, mencionou. Ademais de persoal investigador houbo dous participantes da MAP da sociedade civil que viaxaron a Bruselas para participar nas discusións.

Agora o responsable do proxecto a nivel europeo terá que recoller todas as conclusións acadadas polos distintos grupos e no vindeiro mes de setembro nun documento máis amplo “que pretende ser unha síntese de todo o traballo que estivemos facendo ao longo de catro anos”.

En definitiva, a investigadora da USC Mar Pérez destacou que un dos elementos que diferencia o posicionamento da MAP galega con outras plataformas é que continúase percibindo a importancia do sector agrario “a pesar de que non é moi relevante en termos de emprego pero si se trata dun motor importante destas zonas”.