A cohesión social e a igualdade de oportunidades, no V Encontro Emprendedor

Na cita, que terá lugar o 20 de xuño, poderán coñecerse diferentes iniciativas empresariais

O Mercado Galego de Creatividade, lugar onde terá lugar o V Encontro Emprendedor

O Mercado Galego de Creatividade, lugar onde terá lugar o V Encontro Emprendedor / O Mercado Galego de Creatividade

A quinta edición do ciclo de Encontros Emprendedores terá lugar o próximo 20 de xuño, ás 10.00 horas, no Espazo galego da Creatividade. Unha cita na que se presentarán iniciativas empresariais desenvoltas en Santiago, que dan resposta aos retos identificados pola cidadanía de cara aos vindeiros anos.

A celebración destes encontros persegue dous obxectivos principais: por unha banda, dar a coñecer o Plan de Acción da Axenda Urbana 2030, e por outra, establecer un espazo de encontro, diálogo e debate entre experiencias inspiradoras que motiven aos asistentes a xerar iniciativas económicas arredor dos valores dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Baixo o título A igualdade de oportunidades e a cohesión social: promovendo actitudes por un mundo mellor, o encontro abordará a experiencia empresarial da consultoría Promove, liderada en Compostela por tres mulleres que deciden emprender tras a crise económica de 2008.

Da man de Fátima Rodríguez poderá coñecerse máis polo miúdo este proxecto, enfocado na promoción da igualdade e da xustiza social, así como proxectos relacionados coa recuperación da memoria e identidade de mulleres rurais, a promoción de boas prácticas empresariais en empresas compostelás, ou os Campus emprendemento, un proceso de formación práctica dirixido á mocidade.

As inscricións para participar están abertas e son de balde.